O Alcalde anuncia o inicio das actuacións que farán de Monforte un concello máis accesible

Monforte de Lemos, 12 de xuño de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que o vindeiro luns 14 de xuño darán comezo as obras englobadas no Proxecto de Mellora da Accesibilidade nos edificios e parques municipais de Monforte, que “significa a aposta decidida e continua do Concello de Monforte coas persoas con discapacidade, con dificultades de mobilidade ou de idade avanzada. Somos conscientes, dende o Equipo de Goberno, das necesidades de todos estes colectivos e das carencias históricas dende fai anos que detectamos nalgunhas das nosas instalacións e dependencias municipais, e que despois de 40 anos de democracia aínda non foran corrixidas.”

Cabe recordar que a finais do pasado mes de maio, este proxecto foi adxudicado á empresa monfortina M. Casares, S.L., que ofertou un prezo de 241.250,38 euros. O prazo de execución das obras é de 6 meses, polo que é previsible que queden rematadas no presente ano 2021.

O proxecto recolle as melloras da accesibilidade dos principais edificios públicos de titularidade municipal de Monforte así como de diversos parques municipais da cidade do Cabe, concretando a definición das obras necesarias para corrixir as deficiencias destes edificios e parques, no que accesibilidade se refire.

O Alcalde recordou que “o noso obxectivo é mellorar a accesibilidade universal nos equipamentos que son de titularidade municipal, para contribuír a unha maior calidade de vida de todos os monfortinos e monfortinas, así como as persoas que visitan a cidade. Para elo, abordamos a supresión das barreiras e obstáculos que dificultan ou impiden o uso de edificios públicos e parque municipais, e especificamos as solucións e as obras que será necesario acometer en cada caso, segundo o proxecto”.

Deste xeito, o “Proxecto de mellora da Accesibilidade nos edificios e parques municipais do Concello de Monforte” parte dunha visión xeral da realidade e a situación actual da cidade, para dende aí, recoñecer a situación e importancia urbana de cada un dos edificios públicos e parques municipais que estruturan o núcleo urbano, e que veñen recollidos neste proxecto.


imaxe de arquivo correspondente ó día en que o Alcalde presentou a licitación desde “Proxecto de mellora da Accesibilidade nos edificios e parques municipais de Monforte”, o pasado mes de marzo de 2021

Equipamentos e áreas de actuación para a mellora da accesibilidade

En concreto, levaranse a cabo actuacións de mellora en:

Edificios municipais:

  • Casa do Concello
  • Centro do Viño
  • Praza de Abastos
  • Casa da Cultura
  • Edificio Multiusos
  • Campo de fútbol de A Pinguela
  • Campo de fútbol Luís Bodegas
  • Pavillón Polideportivo de A Pinguela
  • Piscina Climatizada
  • As Casitas da Compañía
  • Gardería Municipal
  • Centro Cívico

Parques:

  • Parque da Pinguela (rúa A Pinguela)
  • Parque da Compañía
  • Parque O Viveiro (rúa Doutor López Suárez)
  • Parque A Florida (rúa Benito Vicetto)

 

En canto ás áreas de actuación obxecto das melloras proxectadas, o proxecto céntrase especialmente nos seguintes aspectos:

  • Aparcadoiros reservados: No entorno dos edificios e parques, en algúns casos, existen deficiencias no deseño das prazas reservadas para discapacitados, e noutros casos, non se dispón de prazas de aparcadoiro reservado.
  • Itinerarios e accesos: levaranse a cabo actuacións para corrixir e mellorar a accesibilidade ós edificios e parques, como poden ser a falta de varandas en escaleiras, a excesiva pendente en ramplas, a sinalización dos extremos de escaleiras e ramplas, o paso libre en portas, mostradores que non contan con zonas de atención para cadeiras de rodas, etc.
  • Comunicacións horizontais e verticais interiores: Nalgún dos edificios referidos as escaleiras e ascensores presentan algunhas deficiencias susceptibles de mellorar, como poden ser varandas descontinuas e non ergonómicas en escaleiras, banzos con bocel e sen sinalizar, felpudos sen fixar e con resaltes sobre o pavimento e os ascensores que serán modificados para adaptalos a normativa de accesibilidade vixente.
  • Aseos: Os aseos adaptados serán adaptados á normativa de accesibilidade vixente, pois só dispoñen dun único espazo de transferencia, os mecanismos de apertura e peche non son facilmente manipulables, non dispoñen de sistema de alarma, etc.
  • Sinalización: Mellorarase a sinalización de espazos e usos das distintas zonas dos edificios públicos así coma facilitar as súas localizacións a persoas con distintas discapacidades físicas.
  • Mobiliario: Nalgúns casos, os mostradores e mobiliario fixo non dispoñen de zonas adaptadas para a atención persoas usuarias de cadeira de rodas, algo que será subsanado a través deste proxecto de mellora da accesibilidade.
  • Finalmente, nos Parques públicos substituiranse papeleiras por outro modelo que poida ser detectado facilmente por persoas usuarias de bastón branco e, nas zonas de xogo nas que non existan xogos inclusivos para nenos discapacitados, procederase á súa instalación.

 

“En definitiva”, concluíu o Alcalde, “a través deste importante proxecto de mellora proxectamos e planificamos un futuro sen barreiras na nosa cidade, no que adaptamos os edificios públicos e o medio urbano existentes para, en definitiva, eliminar as deficiencias de accesibilidade que aínda existan no noso Concello. Estou seguro que, unha vez rematen as obras, Monforte de Lemos será un concello de referencia en materia de accesibilidade”.