Monforte acolle este xoves a obra “O mozo da última fila” da compañía Redrum Teatro

Monforte de Lemos, 24 de maio de 2021. O teatro segue sendo protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no primeiro semestre do ano 2021, contando coas medidas de seguridade necesarias ante o Covid-19 para a realización de cada unha das actividades programadas.

Deste xeito, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios correspondente ó primeiro semestre de 2021, este xoves 27 de maio ás 20:oo horas no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da sexta e última das obras previstas neste ciclo para público adulto: O mozo da última fila, da compañía Redrum Teatro.

Trátase dunha obra escrita por Juan Mayorga, dirixida por Alex Sampayo e interpretada por Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Machi Salgado e Rúben Porto.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes. O aforo máximo do salón é de 110 persoas.

Sinopse

Claudio é un estudante de dezasete anos que senta na última fila. Non fala, non participa, non é problemático, non destaca, salvo en Matemáticas. Cada clase fáiselle máis insoportable ata que Xermán, o profesor de Lingua e Literatura, manda escribir unha redacción sobre a fin de semana. A partir deste intre, Claudio empeza a transformarse en alguén que observa, imaxina e escribe a vida doutros nun relato por entregas para un só lector.

Ese relato compartido polo discípulo e o mestre convértese nun xogo cada vez máis perigoso para eles e para quen os rodea. Un xogo que se disputa en dous taboleiros: o da vida e o da literatura.

Desde a súa estrea en 2006, “O mozo da última fila” leva 26 producións por todo o mundo e foi adaptada ao cinema por  François  Ozon, con guión do propio Mayorga e co título “Dans la maison”, Concha de Ouro no Festival de San Sebastián en 2012. A obra foi escollida en 2018 dentro do plan de fomento á lectura en varios institutos de secundaria.

 

Protocolo ante o Covid-19

Para o desenvolvemento deste ciclo de teatro que abranguerá de outubro a decembro do presente ano, o Concello de Monforte contará con medidas de seguridade e protección ante o Covid-19:

  • A capacidade do local dependerá da situación sanitaria no momento de cada actuación. Nesta ocasión será dun máximo de 110 persoas, mantendo as correspondentes medidas de distanciamento social.
  • A venda de entradas farase dende unha hora antes da actuación (19:00 h).
  • A entrada ó salón de actos realizarase dende vinte minutos antes do comezo da obra (19:40 h.).
  • Será obrigatorio o uso de máscaras de protección e a utilización da solución hidroalcohólica para as mans.
  • Gardarase a distancia social de seguridade.
  • Non se tomará asento ata que o acomodador lle indique o seu sitio.