Monforte de Lemos, 14 de xullo de 2021. O vindeiro venres 16 de xullo ás 20:00 horas a Praza da Compañía de Monforte acollerá un espectáculo de danza dentro do programa “PROPulsa.Danza+Paixase+Patrimonio 2021”, organizado no marco do Xacobeo 2021-2022, xestionado pola AGADIC e coa colaboración do Concello de Monforte.
Este programa ten por obxectivo de poñer en valor e unir a riqueza patrimonial e paisaxística de Galicia coa danza e artes do movemento, e para elo mestura danza, patrimonio e paisaxe en espazos singulares de 27 localidades galegas durante os meses de xullo e agosto, buscando novas experiencias e achegando ao público unha nova forma de ver a danza.
Propulsa contará con preto de 74 funcións conformadas por pezas de danza profesional que se escenificarán na rúa, en espazos singulares ó aire libre.
En Monforte, teremos a oportunidade de ver as seguintes compañías de danza, coa produción da Companhia Paulo Ribeiro:
- La Macana co espectáculo "Keep Going"
- Janet Novás con "FeeLings"
- Säo Castro e António M Cabrita con "Um solo para a sociedade"
A entrada é gratuita e estará limitada ata completar a capacidade do recinto debido á actual situación sanitaria.