Monforte de Lemos, 15 de setembro de 2021. O Concello de Monforte, dentro da súa programación cultural do mes de setembro, organiza para este sábado 18 de setembro ás 20:00 horas un concerto a cargo da Banda Artística de Merza, que terá lugar no auditorio do Edificio Multiusos.
Este espectáculo está programado dentro do ciclo O País das Bandas da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, xunto coa Federación Galega de bandas de Música Populares e conta coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos.
O País das Bandas é un programa de máis de noventa concertos por toda Galicia de bandas populares coa finalidade de apoiar a estas formacións, que son a base da nosa cultura e dinamizadoras culturais de gran valor.
A entrada a este concerto é gratuita ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación.
As entradas entregaranse dende as 19:00 h e o acceso ó salón de actos realizarase ás 19:40 horas.