O pelotón de La Vuelta chega a Monforte cunha gran acollida da veciñanza


Entrega do premio ó gañador da etapa a cargo do Alcalde. Foto cortesía de ©️Cxcling

Monforte de Lemos, 3 de setembro de 2021.  O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, asistiu á chegada de La Vuelta en Monforte de Lemos, que tivo unha gran acollida entre os veciños e veciñas do municipio.

Nos diferentes actos estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde Gloria Prada, e os Concelleiros e Concelleiras de: Cultura, Marina Doutón, Deportes, José Manuel Mougán, Servizos, José Luis Losada, Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, Consumo, Regina López, Muller e Igualdade, Margarita López , e Medio Ambiente, Miguel Tomé.

O pelotón percorreu 12 concellos da provincia de Lugo na súa 19ª etapa, pasando por Negueira de Muñiz, A Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo, Láncara, O Páramo, Sarria, O Incio, Bóveda e rematando na capital da Ribeira Sacra.

O Concello de Monforte inviste 60.000€ nesta proba deportiva, entre a dotación de servizos para o bo desenvolvemento da proba e a mellora das infraestruturas.

La Vuelta promociona o patrimonio cultural e natural de Monforte e supón unha proxección internacional e en promoción turística dun valor incalculable.

Así mesmo, La Vuelta contribúe, de xeito directo, a reactivar a actividade en sectores tan castigados pola crise como a hostalería, o turismo ou o comercio local nas localidades polas que transcorre.

José Tomé, subliñou  que "como Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, a chegada da Vuelta á nosa provincia e con final na nosa cidade supón unha promoción de primeiro nivel a nivel mundial. A xornada foi un éxito rotundo e quero agradecer ós monfortinos e monfortinas a súa colaboración e implicación,  e que se volcaran co final de etapa porque as rúas estaban ateigadas de xente. Creo que hoxe foi un día histórico para Monforte e para a Ribeira Sacra, e agardamos que nalgunha outra ocasión poidamos volver a disfrutar nas nosas terras do espectáculo do ciclismo a través de La Vuelta".