Monforte de Lemos, 1 de outubro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, visitou no día de hoxe a nave que o Concello posúe no Polígono Industrial do Reboredo, da que o Equipo de Goberno decidiu rehabilitar o seu interior co obxectivo de que albergue a futura sede dun Viveiro Industrial de Empresas. Na súa visita, o rexedor municipal estivo acompañado pola Primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada.
Para o desenvolvemento destas obras, a inversión destinada dende o Concello monfortino monfortino supera os 239.000 euros (239.192,41 euros IVE incluído), dun orzamento total de máis de 427.000 euros, no que tamén participa a Consellería de Economía, Empresa e Innovación.
O Alcalde destaca que “dende o Concello seguimos a apostar polo desenvolvemento do Polígono do Reboredo, con esta iniciativa propia que sen dúbida contribuirá á creación de empresas e ó fomento do emprego, que son os obxectivos do futuro Viveiro de Empresas que albergaremos no interior de dita nave”.
As obras de mellora e reforma, que deron comezo nestes días, foron adxudicadas á empresa Construcciones y Obras Taboada y Ramos S.L.U., que ten un prazo para executalas de 53 días.
“O Polígono do Reboredo está de moda, porque as últimas ventas de parcelas, unha das cales adquirimos recentemente dende o Concello, deixan en 4 o número de terreos dispoñibles e xeran a necesidade de ter que ampliar este polígono, algo que xa solicitamos hai unhas semanas a Suelo Empresarial del Atlántico (SEA)”, salientou Tomé Roca.
Cabe recordar tamén que no pasado mes de xullo deste ano 2021, o Concello licitou o proxecto para a conversión dun camiño público do Polígono nunha nova vía que facilitará as comunicacións internas do polígono, así como o seu desenvolvemento e ampliación. Neste proxecto, o Concello investirá case 236.000 euros, cun orzamento total de 355.627,16 euros, para acadar unha vía de 16,50 metros de ancho e dotada de todos os servizos de iluminación, saneamento e beirarrúas.
Nave industrial municipal no Reboredo
O Concello de Monforte de Lemos dispón dunha nave industrial sita no Polígono Industrial no Reboredo, situada na parcela 19 (A), Calle 1, unha nave que, na actualidade, está funcionando como zona de almacenaxe para distintos materiais propiedade do Concello.
Dende o Equipo de Goberno do Concello decidiuse acometer as actuacións necesarias para que unha parte da citada nave poida ser destinada a creación dun Viveiro Industrial de Empresas, a través do acondicionamento dun espazo físico destinado á implantación inicial e consolidación de novas empresas.
Trátase dunha nave industrial de forma rectangular e unha superficie total construída en planta baixa de 592,94 m2 e 108,00 m2 en planta alta.
Dispón dunha cuberta a dúas augas con altura libre total de 6 metros no punto mais baixo e de 7,10 m. no punto mais alto, con cubrición de chapa de aceiro sinxelo lacada en cor vermello cunha pendente do 17% colocadas sobre correas metálicas IPE apoiadas nos pórticos que conforman a estrutura da nave.
A nave está executada con estrutura metálica de pórticos aceiro laminado con perfiles IPE e dispón de cerramentos de fábrica de bloque de formigón visto sen illamento térmico.
A nave dispón no seu interior dunha zona 216 m2, repartidos en dúas plantas, destinada a oficinas e servizos. A planta alta está executada mediante forxado mixto de perfís laminados e formigón de 108 m2 de superficie construída; a planta baixa dispón dunha altura libre de 2,75 m ea planta alta dispón de 2,55 m dende o pavimento ata o teito resolto de xeito continuo con placas de escaiola.
A zona de oficinas e servizos, obxecto das obras que se están levando a cabo, dispoñía, en planta baixa, dun distribuidor, escaleiras de acceso á planta alta, baños de homes, mulleres e discapacitados e dúas salas, unha delas comunicada directamente co resto da nave.
Na planta alta, conta con escaleiras de acceso, distribuidor, un aseo e catro salas con acceso dende o distribuidor.
A tabicaría interior está resolta con fábrica de ladrillo oco sinxelo revestido con morteiro de cemento por ambas caras, lucido e pintado. Os solados son de plaqueta cerámica en toda a superficie, agás nas escaleiras que son de lousa de granito en nunha das salas da planta baixa que está resolta con formigón pulido.
Os accesos á nave obxecto das obras poden facerse de xeito directo de forma rodada dende a rúa de servizo do polígono ou de xeito peonil a través dunha zona axardinada existente diante da fachada principal. O acceso rodado faise a través de dous portalóns existente na fachada lateral dereita da nave, por aquí acédese a zona diáfana destinada a almacenaxe. Pola fachada principal accédese á zona de oficinas e servizos de xeito peonil.
O peche da parcela, na fachada principal está resolto cun muro de fábrica de bloque de formigón e reixa de malla metálica montada sobre bastidores de aceiro laminado. O acceso ó interior do recinto faise mediante unha cancela metálica de dúas follas pintada na mesma cor que o resto do peche.
Acondicionamento da nave para a creación dun Viveiro Industrial de Empresas
A obra que está a acometer o Concello nesta nave ten por obxectivo adecuala para que poida ser utilizada como espazo físico para que empresas de nova creación dispoñan dun lugar onde empezar e consolidar a súa actividade.
Para elo, acondicionarase a zona 216 m2, repartidos en dúas plantas, destinada a oficinas e servizos.
Nesta zona realizaranse obras de redistribución de espazos para adecualos á utilización dos mesmos por varias empresas, creando zonas de uso compartido (aseos, sala de xuntas, sala de espera, e outros servizos) e zonas de uso privado para o desenvolvemento das actividades privadas de cada unha das empresas.
Contemplase tamén a adecuación dos distintos locais a normativa vixente en materia de accesibilidade,illamento térmico, illamento acústico e protección fronte ó lume.
Na execución das obras tamén téñense en conta as necesidades relativas a telecomunicacións e de uso de novas tecnoloxías das empresas actuais, polo que os locais estarán dotados de instalación que permitan a conexión das ferramentas tecnolóxicas.
Execución das actuacións
Deste xeito as obras que se acometen son:
-Redistribución de espazos:
Na planta baixa proponse a creación das seguintes estancias:
- Zona de acceso e sala de espera.
- Despacho 1 para asesoramento a emprendedores.
- Distribuidor, mantendo as escaleiras de acceso á planta alta.
- Sala de xuntas para uso compartido coas outras empresas.
- Local de uso privativo para utilización dunha empresa de nova creación.
- Aseos de homes, mulleres e discapacitados.
Na planta alta crearanse:
- Catro locais de uso privativo para empresas de nova creación.
- Un local para uso compartido de equipamento común das distintas empresas.
-Accesibilidade: co obxecto de que o viveiro de empresas poida dar servizo a empresas con persoal con discapacidade crease un local de uso privativo na planta baixa así coma o resto de locais de uso común, sala de xuntas, zona de espera e aseos. Tódalas portas de acceso disporán dun ancho mínimo de 80 cm.
-Illamento térmico e acústico: os cerramentos da nave estaban resoltos cunha folla de fábrica de bloque de formigón sen illamento térmico, polo que executarase un trasdosado interior dos cerramentos da zona de actuación con placas de fibra de xeso e illamento térmico intermedio.
No exterior dos cerramentos colocarase un revestimento de fachada ventilada con illamento térmico entre o cerramento de fábrica en os paneis de fachada.
Substituirase o falso teito actual por outro de placas de fibra de xeso con illamento térmico lana de roca colocado sobre o mesmo.
Substituiranse tamén as carpinterías exteriores por outras mais estancas e con mellor comportamento térmico.
Mellorarase o illamento acústico dos tabiques de separación entre os distintos locais mediante a colocación dun trasdosado directo de paneis de xeso en ambas caras do tabique.
-Protección contra o lume: a estrutura metálica e as chapas que forman a cuberta da nave proxectaranse con morteiro de lá de roca.
-Instalacións: todos o locais estarán dotados con preinstalación de varios puntos de conexión de aceso a internet por cable, tomas de corrente eléctrica e iluminación suficiente.
Dotarase tamén a tódolos locais de instalación de climatización mediante bomba de calor.