Monforte de Lemos, 13 de decembro de 2021. Na mañá de hoxe, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu ó piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias, para despedilo días antes de que o piloto viaxe camiño de terras de Arabia Saudita para participar do 1 ó 14 de xaneiro nunha nova edición do rally Dakar. O acto serviu para dar a coñecer a moto coa que Iglesias competirá, así como a equipación que levará á proba, na que competirá co dorsal número 38.
En concreto, o piloto sairá o día 27 desde Barcelona, e aínda que a proba comeza o 2 de xaneiro, un día antes realízase unha etapa prólogo previa ás 12 etapas das que consta esta edición do Dakar.
Na recepción, o Alcalde e Iglesias estiveron acompañados pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Servizos, José Luís Losada, e por un dos membros do equipo do piloto monfortino, Jesús Veloso Cachaldora.
Tres participacións consecutivas no Dakar
Este 2022 será o terceiro ano consecutivo en que o piloto monfortino participe no rally máis famoso do mundo, e por este motivo, o Alcalde desexoulle o maior do éxitos en nome de todos os monfortinos, agardando “que non teña accidentes e que, si pode, supere o posto 53 que conseguiu na pasada edición.”
Neste senso, cabe recordar que Eduardo Iglesias superou todas as previsións na súas dúas participacións no Dakar: non só conseguíu rematar en ambas ocasións o que é o rally máis duro do mundo, senón que ademais fíxoo entre os 100 primeiros clasificados, nun meritorio posto 94 no ano 2020 e no posto 53 en 2021.
“Este ano non lle imos pedir menos porque estou seguro de que Eduardo e o seu equipo volverán a dalo todo, co obxectivo de rubricar novamente unha exitosa participación nesta edición do Dakar”, destacou o rexedor municipal. Ademais, o Alcalde salientou que o piloto monfortino levará o nome de Monforte e de toda a provincia de Lugo por todo o mundo, a través do eco das redes sociais e dos medios de comunicación.
Tomé Roca salientou que tanto o Concello como a Deputación de Lugo apoian económicamente a este piloto, contribuíndo a sufragar os gastos desta importante competición. En concreto, o Concello monfortino apoia a participación de Eduardo Iglesias con 5.000 euros.
O Alcalde concluíu a súa intervención e manifestoulle o seu orgullo, e o de todos os monfortinos, por representar de novo a Monforte e á Ribeira Sacra nun evento deportivo internacional desta índole, e desexoulle o maior dos éxitos nesta terceira participación no Dakar.
Pola súa banda, Eduardo Iglesias agradeceu o apoio que recibiu tanto dende o Concello como dende a Deputación de Lugo para este novo reto, e comprometéuse a acadar os éxitos conseguidos nas dúas outras participacións.
O Dakar 2022, que é a proba de motor máis importante e famosa do mundo, desenvolverase ó longo de 13 xornadas, do 1 ó 14 de xaneiro, cunha etapa-prólogo e 12 etapas (cunha etapa de descanso polo medio), ó longo de 8.177 quilómetros de percorrido.