Monforte de Lemos, 2 de decembro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou este xoves a xornada de debate Nacer e medrar impulsada pola Fundación Agroalimentaria de Galicia, una entidade de recente creación que constituíu a Confederación de Empresarios de Lugo. O foro celébrase no Parador de Turismo de Monforte e inclúe conferencias sobre diferentes asuntos de interese para o sector. O mandatario municipal deulle a benvida aos asistentes e auguroulles unhas boas xornadas, á vez que lles desexou unha boa estadía nesta comarca lucense.
Tomé Roca subliñou no acto de apertura que, “máis alá dos temas que se aborden aquí, esta xornada marca o arranque da actividade dunha fundación á que lle desexo unha longa traxectoria de éxitos porque iso será bo para o sector primario e, polo tanto, para a nosa provincia”. “Parécenos un excelente instrumento para avanzar na modernización, na diversificación e na dotación de valor engadido ao noso sector primario, que é estratéxico para o desenvolvemento social e económico da nosa provincia”.
Con respecto ao nome destas xornadas, o mandatario provincial manifestou que precisamente “Nacer e medrar é o que todas e todas desexamos para o noso tecido empresarial, que nazan novos proxectos empresariais e que se desenvolvan os que xa existen, especialmente no sector primario”. Engadiu que “medrar ten un sentido cuantitativo xa que precisamos máis empresas, máis competitivas, que xeren emprego de calidade e sostible para fixar poboación no noso rural”, pero “hoxe, máis ca nunca, é necesario un crecemento cualitativo, apuntalado na transferencia á empresa das solucións e avances que xorden da investigación e a innovación; apoiado na dixitalización e nas ferramentas, tanto de xestión como administrativas, que faciliten competir nun mercado globalizado; e, tamén, que permita ás empresas transformadoras completar o ciclo de valor da tan rica e variada materia prima coa que contamos no sur de Lugo, na provincia de Lugo e en Galicia”.
O Presidente lembrou que os Condes de Lemos “sempre traballaron para modernizar os oficios e introducir novas industrias de proveito para a veciñanza, así que, xornadas coma esta son a mellor maneira de manter vixente a tradición ilustrada”.
A Fundación Agroalimentaria Galega
A Fundación Agroalimentaria Galega (FAGA) é unha entidade posta en marcha neste 2021 a iniciativa da Confederación de Empresarios de Lugo. O seu obxectivo radica en impulsar o crecemento deste sector económico e promover accións que contribúan a facelo medrar. Presidida por Carlos Cebrián Escobar, agrupa a diferentes organizacións empresariais, empresarios individuais e entidades mercantís de Galicia. FAGA pretende conseguir que as empresas do sector agroalimentario poidan rematar os ciclos produtivos en Galicia e incrementar o valor do Produto Interior Bruto comunitario.