O Alcalde homenaxea ós atletas Club Taekwondo Neka polos éxitos acadados no Campionato de Europa en Portugal

Monforte de Lemos, 23 de decembro de 2021. A tarde de onte serviu para que o Alcalde, José Tomé Roca, en nome de todos os monfortinos e monfortinas, homenaxeara a catro deportistas do Club Taekwondo Neka, polos excelentes resultados que acadaron no Campionato de Europa de Taekwondo que se celebrou en Seixal (Portugal) entre o 19 e o 21 do pasado mes de novembro, representando á Selección Española de Taekwondo.

No acto de recoñecemento, o Alcalde estivo acompañado polos 4 homenaxeados, Alejandro Losada, Carlos Rey, Laura Álvarez e Daniel Areán, así como pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán.

Os resultados conseguidos no Campionato de Europa de Taekwondo foron os seguintes:

 

  • Alejandro Losada e Carlos Rey: Campións de Europa en modalidade de parellas. Medalla de ouro.
  • Laura Álvarez: Subcampiona de Europa en categoría individual e parellas. Dúas medallas de prata.
  • Daniel Arean: Subcampión de Europa por parellas. Medalla de prata

 

Ademais do logrado no Campionato de Europa, o Club Tekwondo Neka, e os seus deportistas, conseguiron uns magníficos resultados deportivos nos seguintes campionatos, motivo polo cal o Alcalde lles entregou unha placa conmemorativa. En concreto os éxitos foron os seguintes:

-Campionato de España de Taekwondo por Clubs: celebrado en Benidorm entre o 4 e o 7 de decembro, o Club Taekwondo Neka quedou subcampión de España por Clubs, acandado 2 medallas de ouro, 4 de prata e 2 de bronce.

-Campionato de España Infantil por Seleccións territoriais: celebrado en Benidorm entre o 4 e o 7 de decembro, foron 2 medallas de bronce e 1 de ouro as conseguidas polos deportistas do Neka.

-Copa Xunta de Galicia: celebrada o 11 de decembro en Bueu (Pontevedra), foron un total de 12 medallas, 4 de ouro, 3 de prata e 5 de bronce.

-Open Vila de Madrid: celebrado o 18 de decembro, foron 11 medallas, 5 de ouro, 3 de prata e 3 de bronce.

 

O Alcalde, en nome de todos os monfortinos, felicitou aos deportistas asistentes e agradeceu os éxitos acadados, pois serven para que Monforte estea moi ben representado na elite do deporte español e europeo.