Monforte de Lemos, 2 de xuño de 2021. O Boletín Oficial da Provincia de Lugo ven de publicar as bases e a convocatoria das axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2021/2022 do Concello de Monforte de Lemos.
Deste xeito, xa se poden solicitar as mesmas, para o cal os e as interesadas terán de prazo ata o martes 29 de xuño. A solicitude formalizarase a través do correspondente formulario normalizado, que terá que ir acompañado da documentación complementaria que requiren as bases. Toda a documentación requirida poderá ser presentada no Rexistro dos Servizos Sociais Comunitarios Básicos emprazado na secretaría do Centro Cívico Social, no Paseo do Malecón s/n, no Rexistro Xeral do Concello, no Campo de San Antonio s/n, ou a través da Sede Electrónica municipal (www.sede.monfortedelemos.es).
Para o financiamento destas subvencións, dende o Concello destínase un crédito máximo de 20.000 euros, “que son 2.000 euros máis que o pasado ano, co obxectivo de apoiar ás familias con menor renda per cápita do municipio de Monforte que presenta dificultades económicas para afrontar o gasto que supón o obxecto desta axuda, especialmente nun momento no que seguimos inmersos na crise da Covid-19”, destaca o Alcalde, José Tomé Roca.
Esta convocatoria ten por obxecto regular a concesión de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario destinadas ao alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2021/2022 en educación infantil (3-6 anos), educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.
Para ser beneficiario/a desta axuda é preciso cumprir os seguintes requisitos na data de finalización do prazo de presentación das solicitudes:
- Ser pai, nai, titor/a ou persoa encargada da garda e custodia do alumno/a que no ano escolar da convocatoria correspondente vaian a cursar estudos nas etapas educativas de ensinanza indicadas nesta convocatoria, en calquera centro docente, público ou concertado, do Concello de Monforte de Lemos.
- Que a renda per cápita da unidade familiar non supere o 55% IPREM para o ano 2021 (310,69€/mes) en cómputo anual (3.728,28€ ano por persoa). Para determinar a renda per cápita tomarase a renda da unidade familiar e dividirase polo número de membros da dita unidade como a continuación se especifica:
Nº membros unidade familiar |
Ingresos netos mensuais |
Ingresos anuais |
2 |
621,38 |
7.456,56 |
3 |
932,07 |
11.184,84 |
4 |
1.242,76 |
14.913,12 |
5 |
1.553,45 |
18. 641,4 |
- Que a persoa solicitante así como os e as menores beneficiarios da mesma, se atopen empadroados e residan efectivamente no Concello de Monforte de Lemos no momento de presentación da solicitude.
- Que a persoa solicitante estea ó día no pago das obrigas tributarias municipais ou no caso de ter débedas que exista compromiso de pagamento.
- Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia e no artigo 13 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións.
A contía máxima das axudas é a seguinte:
- 150 € para Educación Infantil por cada alumno/a.
- 100 € para Educación Primaria e por cada alumno/a.
- 120€ para Educación Secundaria Obrigatoria por alumno/a.
- 150€ para alumnado matriculado nun centro de educación especial ou en unidades de educación especial de centros ordinarios ou cunha discapacidade superior ou igual ó 65% .
BASES AXUDAS MATERIAL ESCOLAR E LIBROS DE TEXTO 2021-2022
Anexo I Certificado de matriculación