Monforte de Lemos, 9 de agosto de 2021. Durante o día de maña martes 10 de agosto e na Sala de Exposicións da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do Concello de Monforte, realizarase a exposición Kinekito de Xira de Paus, a cargo de Trécola Producións.
Esta exposición está organizada pola Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, e conta coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos.
Deste xeito, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas, Trécola Producións expoñerá o proxecto Kinekito de Xira de Paus de Manu Taboada (xogueteiro da Chintofanería) e Ero Vázquez (titiriteiro e artesán de Trécola), que xurdiu co propósito de dar e poñer en valor o universo dos autómatas.
Trátase dunha exposición na que o visitante poderá atopar personaxes musicais que, a partir de mecanismos, crean sons e ritmos, historias e contos que nacen co movemento dunha manivela ou dun pedal.
Poderemos así descubrir bonecos que se moven e andan sós, un teatriño de guiñol automatizado homenaxe do tradicional títere de cachiporra, diferentes efectos especiais recorrentes no teatro...
A idea desta exposición é que os asistentes poidan xogar manexando os mecanismos das pezas e ver como funcionan.