Monforte de Lemos, 28 de xaneiro de 2020. O Concello de Monforte e a Red de Juderías de España seguen a traballar na promoción e difusión do espazo de ámbito xudeu da cidade.
Deste xeito, este luns 2 de marzo, Monforte será a primeira das cidades que forman parte da Red de Juderías en recibir a visita dun grupo de xornalistas especializados en viaxes e turismo, interesados en descubrir o importante patrimonio da cidade do Cabe e da Ribeira Sacra, e de difundilo posteriormente nas súas canles e medios de comunicación. Este é un proxecto posto en marcha pola Red de Juderías para visitar as cidades que conforman dita asociación, e Monforte de Lemos é a primeira parada no percorrido.
Co obxectivo de aproveitar ó máximo a visita deste grupo de profesionais da comunicación e difusión turísticas, o Equipo de Goberno do Concello de Monforte organizou unha intensa xornada de actividades que terá lugar o vindeiro luns.
Na xornada da mañá, a comitiva percorrerá a zona de ámbito xudeu da cidade e rematará o seu percorrido por Monforte no Colexio de Nosa Señora da Antiga. Nesta visita, serán acompañados pola 1ª Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, pola delegada da Red de Juderías Marta Puig Quixal e polo técnico de cultura do Concello. No percorrido, os xornalistas serán guiados polo investigador monfortino Felipe Aira.
Ó mediodía, a comitiva será recibida polo Alcalde da cidade, José Tomé Roca, e a continuación degustarán un auténtico menú sefardí no Parador de Turismo de Monforte.
Pola tarde, continuarán a súa visita achegándose á Ribeira Sacra para visitar o Miradoiro do Duque e o Embarcadoiro Ponte do Sil, así como a Adega Algueira. A continuación, retornarán a Monforte para disfrutar dunha cata de viños da D.O. Ribeira Sacra no Centro do Viño.
Para reforzar a visita, o Concello e a Red de Juderías obsequiarán os xornalistas cun paquete promocional que incluirá diverso material divulgativo, entre o que se atopará a Guía Turística de Monforte, que ven de ser reeditada e impresa, con motivo da participación do Concello na pasada edición de Fitur no mes de xaneiro.
O martes e o mércores, o grupo de xornalistas especializados continuará o seu percorrido por Galicia visitando ás outras dúas cidades galegas que pertencen á Red de Juderías, Ribadavia e Tui.
Xornalistas especializados
O grupo de xornalistas que visitarán Monforte e a Ribeira Sacra está formado polas seguintes persoas:
- Magdalena Munar Krohn, fotoxornalista en diversos medios, entre eles o xornal La Razón, a revista de turismo online Top Viajes, ou a revista Condé Nast Traveler.
- Javier García Blanco, xornalista, fotógrafo e escritor que traballa para distintos medios de comunicación, como Historia de Iberia Vieja, El Español, El Mundo, Yo Dona, Lonely Planet o Condé Nast Traveler
- Carlos Pascual Gil, xornalista especializado en viaxes e que é destacado articulista en El Viajero, que é a guía de viaxes do xornal El País.
- Javier Carrión García, do xornal ABC e a canle especializada Viajar.
- Carmelo Jordá Jordá, redactor e fotógrafo de Libertad Digital e tamén colaborador en esRadio.
- Hernando Reyes Isaza director para España e Portugal de Wonder GO Travel Magazine.
- Javier Gutiérrez Rodríguez. Fotógrafo de Wonder GO Travel Magazine
- Marta de Perales Pérez Herrero, do xornal especializado en turismo Tu gran viaje.
Dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte, valórase moi positivamente este tipo de xornadas divulgativas, nas que tamén participaron as outras dúas cidades con pasado xudeu en Galicia, Tui e Ribadavia, xa que permiten, como é neste caso, dar a coñecer ós profesionais do sector da comunicación turística a importante oferta coa que conta a cidade de Monforte a nivel histórico, gastronómico, artístico e cultural, como capital da Ribeira Sacra.