Monforte de Lemos, 10 de xullo de 2020. O Concello de Monforte informa que este luns 13 de xullo comeza a actividade da primeira quenda do Campamento Deportivo de Verán organizado polo Concello de Monforte, no que participarán un total de 72 rapaces e rapazas, o que supón a ocupación do cen por cen das prazas ofertadas para esta primeira quenda.
Para a organización desta edición dunha actividade xa tradicional na programación deportiva de verán que organiza o Concello de Monforte, e por mor da crise sanitaria derivada do COVID-19, dende o Equipo de Goberno e a Concellería de Deportes deseñouse un protocolo de seguridade e hixiene centrado, primeiramente, en velar pola seguridade de participantes e dos monitores e monitoras.
As liñas estratéxicas deste protocolo deseñado para garantir a seguridade e o éxito na organización dos Campamentos de Verán foron as seguintes:
• Grupos reducidos de 10 persoas.
• Monitores e monitoras fixos para cada grupo durante cada quenda.
• Espazos fixos e exclusivos para cada grupo.
• Material deportivo exclusivo para cada grupo.
• Material de obradoiros exclusivo para cada alumno e alumna.
• Limpeza e desinfección diaria dos espazos utilizados.
• Hixiene de mans constante.
• Dotación de mascaras e xeles desinfectantes para os participantes.
En canto ás actividades, dende o Concello deseñouse unha programación atractiva, tendo en conta a situación actual, composta por actividades deportivas, obradoiros, excursións e actividades especiais como hípica e piragüismo.
A través dos seguintes enlaces pódense descargar diferentes documentos de interese para os participantes no Campamento Deportivo de Verán:
- A composición de cada un dos grupos e a instalación asignada: Composición Grupos Primeira Quenda Campamento Deportivo de Verán Monforte 2020
- A programación de actividades da primeira quenda: Programa Actividades Primeira Quenda Campamento Deportivo de Verán Monforte 2020
- O horario do servizo de transporte: Horario Transporte Campamento Deportivo de Verán Monforte 2020
- O protocolo de prevención do COVID-19 establecido: Protocolo Prevención COVID-19 Campamento Deportivo de Verán Monforte2020
- As normas e recomendacións de participación: Normas e Recomendacións Campamento Deportivo de Verán Monforte 2020
O Alcalde, José Tomé Roca, valorou moi positivamente o éxito en canto á cobertura de prazas e agarda que todos os “nenos e nenas poidan disfrutar das súas vacacións a través do Campamento Deportivo do Concello, practicando un variado número de actividades, tanto deportivas coma excursións e obradoiros”.
Do mesmo xeito, o rexedor municipal recordou que dende o Concello “deseñamos por primeira vez o desenvolvemento dos Campamentos en 3 quendas, que supoñen 30 días de actividade, 10 máis que en pasadas edicións, cun dos programas de actividades máis amplo dos últimos anos, motivado polas necesidades de conciliación familiar dos monfortinos e monfortinas así como para que nenos e nenas poidan gozar dunhas vacacións activas practicando actividades lúdicas de xeito saudable”.
Dende o Concello de Monforte agardamos que a actividade sexa do agrado de todas as persoas participantes.