Monforte de Lemos, 9 de xaneiro de 2020. A programación de Teatro correspondente ó primeiro semestre de 2020 iníciase en Monforte de Lemos mañá venres 10 de xaneiro ás 19:00 horas no Edificio Multiusos, coa posta en escena da obra Lambetadas, da compañía Talía Teatro.
A obra vai dirixida a un público infantil e familiar, a súa entrada é gratuíta. Está dirixida por Santiago Cortegoso Pazó e cun elenco artístico formado por María Ordóñez e Diego Rey.
Sinopse
Unha lambetada é un doce, algo saboroso, que se come por gusto.
Pero tamén é a acción de pasar a lingua buscando un efecto agradable.
Partindo da dobre acepción da palabra elaboraremos un doce e gorentoso espectáculo teatral, pasando a lingua a modiño, con deleite, sobre unhas historias que nos deixarán un doce sorriso nos beizos.
A seguinte obra do ciclo de teatro programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Entre soños de Fran Sieira Compañía de danza. Terá lugar o xoves 23 de xaneiro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de cinco euros e de tres euros para estudantes, desempregados e xubilados.