Prevese que o Concello de Monforte debute mañá venres no concurso “Juegos sin Fronteras” en Telecinco

Monforte de Lemos, 9 de abril de 2020. Segundo fontes consultadas sen confirmar debido ás dificultades de comunicación derivadas da crise sanitaria do COVID-19, está previsto que a cidade de Monforte debute mañá venres no histórico programa de televisión Xogos sen Fronteiras-Eurogames,  que se basa no formato coñecido en España como El Grand Prix del Verano, que hai uns anos era emitido por Televisión Española. Neste novo formato, recuperado a través da colaboración de varios países europeos, a emisión para España corre a cargo da canle Telecinco. A emisión do programa no que Monforte é o protagonista que representa a España está previsto que sexa mañá venres 10 de abril a partir das 10 da noite.

No vídeo colgado na web de Telecinco no que se anuncia a emisión do programa deste venres día 10 aparecen algúns dos dez concursantes monfortinos que representan á nosa cidade e que participaron na gravación de dito concurso o pasado mes de setembro nos Estudios Cinecittâ en Roma. Dito vídeo pódese ver no seguinte enlace:

https://www.telecinco.es/juegos-sin-fronteras/promos/fecha-viernes-espana-programa_18_2923995356.html

Neste concurso internacional participan varios municipios de 6 países que compiten para proclamarse campións do concurso tamén coñecido como “Eurogames”. Italia, Alemaña, Grecia, Polonia e Rusia son os rivais da representación española, na que, xunto a Monforte de Lemos, están tamén Aranda de Duero (Burgos), Ciudad Rodrigo (Salamanca), Astorga (León) e Jaca (Huesca). O programa está presentado por Lara Álvarez e Joaquín Prat.

Dende o Concello, animamos a seguir a todos os monfortinos e monfortinas ós nosos representantes neste concurso, o cal,  ó emitirse en horario de prime time, dará visibilidade e suporá unha potente promoción tanto da nosa cidade como da Ribeira Sacra en toda España.

Juegos sin Fronteras empezouse a emitir nos anos 60; agora a produtora Nonpanic actualiza o formato pero sen perder a esencia que o fixo popular desde os inicios: participantes de localidades de varios países de Europa competindo xuntos para, coa escusa dos xogos, dar a coñecer as súas localidades de orixe dentro e fora das fronteiras do propio país

Este programa, no que se busca ademais o entretemento e a diversión dos espectadores, consta de seis episodios de 140 minutos de duración. O equipo mellor clasificado de cada país, competirá na gran final contra o representante de cada un dos outros países participantes.

Cada equipo está composto por 10 participantes e 2 reservas que foron seleccionados en cada localidade pola produtora do programa. Neste senso, os equipos están formados por membros de asociacións deportivas, culturais, membros de corpos públicos como bombeiros ou policías locais, etc., entre os 18 e os 50 anos de idade, e cun perfil atlético e carismático.