Por sexto ano consecutivo non haberá subida de impostos municipais en Monforte

Monforte de Lemos, 19 de outubro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e a 1ª Tenente de Alcalde e concelleira de Facenda, Gloria Prada, anunciaron na tarde de hoxe a proposta de modificación de ordenanzas fiscais para os orzamentos do ano 2021, que serán levadas ó Pleno da Corporación Municipal, que se celebrará o vindeiro luns 26 de outubro.

“Os monfortinos, ó igual que neste ano 2020 pagarán menos impostos no vindeiro ano 2021, e ademais estableceremos unha serie de modificacións das actuais ordenanzas fiscais, co obxectivo de axudar ós nosos cidadáns a paliar os efectos da crise do Covid-19”, salientou o rexedor municipal ó inicio da súa intervención.

Deste xeito, “O Equipo de Goberno tomou a decisión de manter para o 2021 a redución levada a cabo no ano 2020 da fiscalidade da ordenanza do cemiterio por sepultura e por transmisións nun 50%, e seguir mantendo conxeladas o resto das ordenanzas fiscais para o vindeiro ano 2021.”, destacou o Alcalde.

Isto é debido a que dado que no presente ano, en cómputo interanual de setembro de 2019 a agosto de 2020 o IPC é negativo nun 0.5 por cento, non haberá revisión de IPC’s, e polo tanto, non subirá o coste da piscina, da auga, do saneamento ou do lixo.

José Tomé tamén explicou que “mantemos as bonificacións que aprobamos no ano 2019 pasado sobre o ICIO, o IAE e o IBI para a creación de postos de traballo e para a implantación de empresas. En resumo, decidimos conxelar un ano máis todos os impostos e as taxas que dependen do Concello, xa por 6º ano consecutivo.”

Ademais, o Alcalde anunciou novidades importantes relacionadas coas ordenanzas fiscais, “encamiñadas a paliar, na medida do posible, os efectos que a crise da Covid-19 está ocasionando entre os nosos veciños, e que lles van facilitar o pago das súas obrigas co Concello.  Dende este Equipo de Goberno seguiremos tomando decisións que contribúan a mellorar o día a día dos monfortinos e das monfortinas, facilitándolles as xestións que teñen que facer co Concello”.

Débedas tributarias aprazables

No relativo ó apartado que se refire ás débedas tributarias aprazables, tal como recolle o artigo 19 da “Ordenanza Xeral de Xestión de Ingresos Municipais de Dereito Público”, modifícase o importe das débedas que se poden fraccionar, pasando de 300 €, que había ata o de agora, reducindo a 100 € para o vindeiro ano.

Esta redución da contía a 100 € lévase a cabo dende o Equipo de Goberno para poder así fraccionar ou aprazar as débedas, establecendo para elo tres tramos:

  • As débedas de importe comprendido entre 100 e 200 €, nun período máximo de 12 meses.
  • As débedas de importe comprendido entre 200,01 € e 300 €, nun período máximo de 18 meses.
  • E as débedas de importe superior a 300 € nun período máximo de 24 meses.

Imposto sobre Bens Inmobles (IBI)

En canto a ordenanza fiscal do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI), establécese que as execcións ou bonificacións de carácter rogado deberán solicitarse para que teñan efectos no padrón do exercicio antes do 30 de xuño de cada exercicio, data anterior ó do peche do padrón anual. O mesmo prazo queda establecido para as bonificacións por familias numerosas.

“Desta forma”, salientou o Alcalde, “dámoslle máis tempo ó suxeito pasivo -entidade xurídica ou persoa física- para que presente a xustificación destas exencións ou bonificacións, e así a Administración evitará o alto volume de anulacións e emisións de novos recibos que actualmente se produce”.

 

Así mesmo, previa solicitude, estarán exentos os bens inmobles dos que sexan titulares, nos termos previstos na normativa reguladora das facendas locais, as entidades sen fins lucrativos as que se refire a Lei 49/2002, de 23 de  decembro,  de Réxime Fiscal das Entidades sen Fins Lucrativos e dos Incentivos Fiscais ó Mecenado, por exemplo, colexios ou lugares de culto.

A súa aplicación estará condicionada que as entidades sen fins lucrativos comuniquen ó Concello que se acollen ó réxime especial establecido por tales entidades e ó cumprimento dos requisitos e supostos de feito relativos ao mesmo, debendo achegar coa solicitude certificado que os inmobles para os cales se solicita a exención non se atopan afectos a explotacións  económicas non exentas do Imposto sobre Sociedades.

Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO)

No que respecta á ordenanza fiscal reguladora do Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), coma novidade establécese que as bonificacións por declaración de especial interese deberán solicitarse dentro do período comprendido dende a data da solicitude da licenza de obras a data da finalización do prazo de ingreso en período voluntario da liquidación provisional, dado que antes facíase no momento de solicitar a licencia, e agora terán máis tempo para facelo.

Así mesmo, no suposto de presentación de declaración responsable ou comunicación previa, establécemos o réxime de autoliquidación. Esta novidade permítelle ó solicitante poder xirar a autoliquidación no mesmo momento en que se presente a comunicación previa, “aspecto este que era moi demandado polos solicitantes”, explica Tomé Roca.

Prestación de servizos no cemiterio municipal

Respecto da ordenanza reguladora taxa pola prestación de servizos no cemiterio municipal, na condución de cadáveres e outros servizos fúnebres, o Equipo de Goberno introduce dúas importantes novidades.

Dunha banda, defininese mellor o concepto de suxeito pasivo, a efectos de que o Concello poida requirir esta taxa de enterramento ás funerarias ou ós herdeiros que actúen como representantes das persoas falecidas.

E doutra banda, no referido ó sistema de xestión das concesións administrativas sobre nichos, cabidas e sepulturas, agora estas concesións realizaranse pola enumeración correlativa das mesmas.

Isto significa que dende o Concello facilitarase a concesión de nichos a persoas que, sendo xa propietarias dun nicho, desexen adquirir outro que se encontre colindante do nicho do que xa son propietarios, sempre que se dean as circunstancias descritas.

Calendario fiscal 2021

O calendario fiscal tamén se modifica para adecualo ás datas laborais do vindeiro ano 2020, quedando establecidos para os principais impostos os seguintes períodos:

  • Imposto de vehículos de tracción mecánica: dende o 15 de abril de 2021 ata o 15 de xuño de 2021.
  • IBI: do 5 de agosto de 2021 ata o 6 de outubro 2021.
  • IAE: do 17 de agosto de 2021 ata o 18 de outubro de 2021.

En canto á domiciliación do imposto sobre bens inmobles de natureza urbana, nos recibos de importe superior ós 100€, implicará o seu fraccionamento en dous períodos, de xeito que o primeiro cargo realizarase o día 5 de agosto de 2021 polo importe do 60% do recibo e o segundo cargo o día 7 de decembro polo importe do restante 40% do recibo.

 

O Alcalde resumiu a súa intervención indicando que ”seguimos reducindo a presión fiscal con respecto a fai 5 anos, cando no 2015 chegamos ó Goberno municipal. Conxelamos todas as taxas das ordenanzas fiscais municipais, incluída a baixada do 50% que aplicamos o ano pasado ás taxas do cemiterio. Flexibilizamos o pago das débedas, xa que os monfortinos, que así o soliciten, poderán fraccionar o pago, en función da cantidade a pagar, e modificamos de 300 a 100 € o importe mínimo das débedas non aprazables.”

“No pasado mandato, os monfortinos acabaron pagando menos en 2020 que en 2015, e neste mandato seguimos coa mesma liña de traballo, conxelando as taxas e os impostos para o ano 2021, sendo ademais especialmente sensibles coa difícil situación pola que todos estamos a atravesar por mor da Covid-19”, concluíu o rexedor monfortino.

Estas son as principais novidades que dende o Equipo de Goberno do Concello se proporán ó Pleno do Concello, que se celebrará o vindeiro luns día 26 de outubro.