PLAN: REACTIVA MONFORTE O Alcalde informa ós sectores económicos e produtivos de Monforte da maior axuda económica que se fixo nunca dende o Concello

Monforte de Lemos, 8 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou na tarde de hoxe, nunha xuntanza cos representantes dos sectores económicos e produtivos da cidade, da que é “a maior axuda económica que se fixo nunca dende o Concello, co obxectivo de impulsar a actividade económica dos nosos sectores produtivos e contribuír así a paliar os efectos do Covid-19”.

O Alcalde salientou que “destinamos para esta liña de axudas 1,4 millóns de euros provintes do actual orzamento municipal, para actuar de maneira inmediata ante as consecuencias derivadas da crise económica e social provocada polo COVID-19, e impulsar a actividade económica no termo municipal de Monforte de Lemos, outorgando liquidez ás empresas da cidade, contribuíndo a facilitar o cumprimento das súas obrigas empresariais, para así axudar ó mantemento da actividade económica e acadar tamén a debida protección do emprego”.

Do mesmo xeito, esta liña de axudas contribúese a protexer o interese xeral dos veciños e veciñas de Monforte para minimizar o impacto da crise económica provocada polo COVID-19 e coadxuvar para que, unha vez finalizada a alarma sanitaria, o dano producido sexa o menor posible, actuando directamente sobre as persoas máis afectadas.

Neste senso, o rexedor municipal sinalou que “o papel dos concellos na crise económica e de emprego que nos vai tocar vivir é clave porque a Administración do Estado e Autonómica proporcionan recursos estándares que unicamente os concellos poden ensamblar e adaptar á súa realidade local particular, mediante o deseño dunha estratexia de promoción económica capaz de identificar e valorizar os recursos e proceder á adaptación dos programas ás necesidades locais”.

Na xuntanza cos representantes dos sectores produtivos, o Alcalde estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde e Concelleira de Facenda, Gloria Prada, e a dita reunión acudiron representantes do Centro Comercial Urbano de Monforte (CCU), da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería (APEHL-Zona sur), o delegado para a zona sur da Asociacion Provincial de Empresarios da Construción de Lugo (APEC) así como o delegado da zona sur da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL).

O Alcalde concluíu resaltando que “hoxe por hoxe, non se coñece ningún plan de axudas que en termos de axuda por habitante, alcance o nivel de axudas do Concello de Monforte”.


Reunión de José Tomé Roca cos representantes do sectores económicos de Monforte

Contía das axudas

Son cinco as liñas de axudas enmarcadas na partida de 1.4 millóns de euros destinada polo Concello de Monforte para paliar os efectos do Coronavirus nos sectores económicos, empresariais e laborais da cidade.

En primeiro lugar, concederase unha contía fixa de 1.000 euros, ás pequenas empresas (autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia), que sexan titulares de establecementos comerciais abertos ó público antes do 14 de marzo, cando a actividade que viñesen desenvolvendo se tivese visto afectada polo peche de establecementos disposto no R.D. 465/2020 de 17 de marzo, que modificou o artigo 10 do R.D. 463/2020 de 14 de marzo.

En segundo lugar, concederase unha contía fixa de 200 euros ós traballadores autónomos que sen estar afectados polo peche de establecementos disposto no RD 465/2020 de 17 de marzo que modificou o artigo 10 do RD 463/2020 de 14 de marzo, se viran obrigados a cesar na súa actividade con posterioridade ao 15 de marzo de 2020 e por circunstancias relacionadas co Covid-19, sempre que tiveran solicitado e concedido a prestación por cese de actividade.

En terceiro lugar, concederase unha contía fixa de 200 euros ós traballadores por conta allea que se tiveran visto afectados por un expediente de regulación de emprego en calquera das súas modalidades, sempre que non se tivese chegado a acordo co empregador para completar o 100 % da base reguladora.

En cuarto lugar, outorgarase unha contía fixa de 200 euros ós traballadores por conta allea que tiveran sido obxecto de despido por parte do seu empregador por causas técnicas, organizativas ou da produción, excepcionándose os despidos disciplinarios, con posterioridade ao 15 de marzo de 2020.

E finalmente, en quinto lugar, concederase unha axuda de 200 euros ós traballadores contratados temporalmente cuxo contrato finalizase con posterioridade ó 15 de marzo de 2020, e non fose renovado pola falla de actividade da empresa debido a circunstancias relacionadas co Covid-19.

 

Prazos para a presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes para esta liña de axudas será de trinta días naturais a partir do día seguinte á publicación do extracto da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Lugo (BOP).

O modelo de solicitude normalizado para a obtención das subvencións reguladas na presente convocatoria estará dispoñible na web municipal www.concellodemonforte.com, e as  solicitudes, que deberán dirixirse ao Area de Promoción Económica-Desenvolvemento Local, presentaranse no rexistro xeral do Concello de Monforte de Lemos, xuntando o modelo normalizado de solicitude oficial.