Monforte, 14 de febreiro de 2020. Mais dunha trintena de guías profesionais de Galicia visitaron hoxe Monforte para coñecer a riqueza do seu patrimonio e cultura xudías. Esta visita enmarcouse dentro do programa de actividades planificadas arredor das xornadas "Os Xudeos e Conversos en Galicia: os seus lugares, a súa historia” que se celebraron onte en Tui, organizadas pola Asociación Profesional de Guías de Turismo de Galicia.
Deste xeito, os profesionais do turismo achegáronse ó mediodía para desfrutar da gastronomía da cidade do Cabe, e tras o xantar foron guiados polos lugares máis destacados da xudaría monfortina pola 1ª Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, e polo historiador local, Felipe Aira. Ambos, acudiron onte a Tui para dar a coñecer o valor do pasado sefardí de Monforte, tanto dende o punto de vista artístico, coma cultural e patrimonial, valores que supoñen un importante potencial turístico para a cidade.
Unha vez concluída a visita, e antes de retornar a Tui, os visitantes puideron degustar un viño da Ribeira Sacra no Centro do Viño e foron obsequiados coa guía turística oficial da cidade e cun plano da mesma.
Dende o Equipo de Goberno de Monforte, valórase moi positivamente este tipo de xornadas divulgativas, nas que tamén participaron as outras dúas cidades con pasado xudeo en Galicia, Tui e Ribadavia, xa que permiten, como foi neste caso, dar a coñecer ós profesionais do sector turístico a importante oferta coa que conta a cidade de Monforte a nivel histórico, gastronómico, artístico e cultural, como capital da Ribeira Sacra.