Monforte de Lemos, 29 de xaneiro de 2020. O Concello de Monforte, a través da Concellería de Servizos Sociais, organizou onte no centro cívico-social da localidade, en coordinación coa empresa que xestiona o servizo de atención domiciliaria municipal, FEPAS, un obradoiro dirixido a familiares que teñen persoas dependentes ao seu cargo, beneficiarios do servizo de axuda a domicilio municipal. A sesión foi impartida por unha psicóloga clínica experta neste ámbito, Andrea Taboada.
O obxectivo do curso estaba orientado a dotar ás coidadoras e coidadores de diversas estratexias que lles permitan canalizar a responsabilidade e atencións que require ter unha persoa dependente a cargo, para poder xestionar as emocións e mellorar a calidade de vida do familiar coidador. Nesta xuntanza, levouse a cabo unha análise, das barreiras psicolóxicas e problemáticas cotiás para saber como autoxestionalas.
Este obradoiro formativo atópase incluído dentro das melloras voluntarias contempladas no contrato do servizo e ofertadas pola empresa prestadora de dito servizo (FEPAS).
A valoración do encontro foi moi positiva, posto que permitiu compartir experiencias con outros coidadores en situacións similares. Neste senso dende a Concellería de Servizos Sociais do Concello de Monforte, valóranse como moi axeitadas este tipo de actividades, xa que contribúen á mellorar a eficacia dos servizos que se prestan, neste caso so relacionados coa axuda a domicilio. Dende a empresa FEPAS, concesionaria do servizo, tamén amosou a satisfacción polo éxito desta xornada.