O primeiro Pleno Extraordinario telemático do Concello de Monforte poderá seguirse este venres por streaming

Monforte de Lemos, 23 de abril de 2020. Mañá venres, 24 de abril, ás 20 horas, o Concello de Monforte celebrará por primeira vez por vía telemática un Pleno extraordinario da Corporación Municipal no que se abordarán 3 puntos incluídos na orde do día.

A celebración a través de medios telemáticos deste Pleno extraordinario lévase a cabo por motivos de seguridade, a fin de evitar o contacto físico directo entre os membros da Corporación, tal e como indican as medidas determinadas polo estado de alarma decretado polo Goberno de España ante a crise sanitaria do Covid-19.

De esta forma, toda aquela persoa que desexe seguir a sesión do Pleno por streaming (en directo) poderá facelo a través do seguinte enlace:

 

https://youtu.be/N0xRqVfnvOY

 

A orde do día deste Pleno Extraordinario contará con tres puntos relacionados coa incorporación de remanentes de tesourería ó orzamento municipal, a aprobación inicial do Regulamento da Agrupación Municipal de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil do Concello de Monforte, e a aprobación para consulta pública previa do Regulamento de uso, reserva e aluguer de instalacións deportivas municipais do Concello de Monforte de Lemos.