Monforte de Lemos, 11 de abril de 2020. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, deu a coñecer hoxe os primeiros datos en canto a número de pasaxeiros do novo autobús urbano de Monforte, un autobús que comezou a súa actividade o pasado 1 de febreiro, logo de ser presentado o novo vehículo ós medios de comunicación na praza Campo de San Antonio.
Deste xeito, o Alcalde sinalou que “o novo bus urbano de Monforte transportou, en mes e medio, máis persoas que en todo o ano anterior”.
“En concreto”, apuntou Tomé Roca, “no mes de febreiro e na primeira metade do mes de marzo utilizaron o novo servizo de bus urbano unhas 6.000 persoas, o que supón case 1.000 persoas máis que en todo o ano 2019, todo un éxito para este novo servizo de trasporte público municipal”.
Segundo datos facilitados pola empresa concesionaria do servizo, durante o pasado mes de febreiro foron 3.886 os viaxeiros do bus urbano monfortino, mentres que do 1 ó 14 de marzo, contabilizáronse 2.013 pasaxeiros. En total, en mes e medio de funcionamento do servizo, alcanzáronse os 5.989 usuarios.
O rexedor monfortino tamén destaca que “dende o inicio da posta en funcionamento, o novo bus urbano tivo unha excelente acollida por parte dos cidadáns, o cal queda demostrado con estes datos”.
Neste senso, dende o Equipo de Goberno do Concello “amosamos a nosa satisfacción coa valoración que fan do servizo os monfortinos e monfortinas, e queremos trasladarlles o noso compromiso de que, tan pronto como sexa posible, o bus urbano gratuíto volverá a funcionar con normalidade para dar servizo a todos os veciños e veciñas de Monforte”, salienta Tomé Roca.
O servizo do bus urbano foi suprimido temporalmente o pasado 14 de marzo, logo de que o Goberno de España decretara o estado de alarma como medida de contención ante a expansión da pandemia do Coronavirus no noso país. Dende o Equipo de Goberno do Concello, decidiuse suspender temporalmente este servizo, debido a que o vehículo podía converterse nun espazo de alto risco de contaxio por parte dos seus usuarios.
Bus urbano de Monforte: Éxito do servizo de transporte dende o primeiro día
O novo bus urbano de Monforte é un caso único en Galicia e practicamente en toda España xa que, ademais de contar cun vehículo novo, moderno, adaptado para persoas con mobilidade reducida ou con algunha discapacidade, e accesible a todos os cidadáns, o servizo destaca por ser de carácter gratuíto para todos os seus usuarios.
Neste senso, o Alcalde destaca que “dende a posta en marcha do servizo, o novo bus urbano monfortino suscitou a atención doutras cidades e concellos de Galicia e tamén de numerosos medios de comunicación, non só da provincia, senón tamén do resto da Comunidade Autónoma e incluso do panorama nacional, medios que se achegaron ata Monforte para facer reportaxes e directos dende o propio bus. Isto permítenos afirmar que Monforte é unha cidade pioneira en transporte público gratuíto”.
“Os excelentes datos de usuarios que vimos de comunicar hoxe permítennos afirmar que este novo autobús de transporte municipal público e gratuíto está a cumprir co fin social para o que foi ideado.” E é que para o Equipo de Goberno de Monforte, o fomento do transporte público forma parte esencial das políticas sociais do goberno municipal.
Principais características do novo Autobús urbano de Monforte
O Autobús Municipal que comezou o seu servizo regular o pasado 1 de febreiro, trátase dun vehículo novo, da marca Mercedes Sprinter 519 City Line que conta coas seguintes características:
- Dispón de 36 prazas, 21 sentadas e 15 de pé, e para elo vai dotado das barras de subxección verticais e horizontais regulamentarias.
- Conta con 2 prazas para persoas con mobilidade reducida, o que se denominan prazas PMR.
- Ten unha plataforma ou rampla de acceso para discapacitados ou persoas con mobilidade reducida, e conta cunha porta de servizo de dobre folla.
- Conta cun máquina rexistradora de usuaruos, que lle permitirá facilitar datos mensuais de viaxeiros ou de facturación se fose o caso no futuro, para coñecer o uso que fan deste servizo os cidadáns.
- Leva incorporada unha pantalla de televisión informativa con datos facilitados polo Concello, para que os usuarios poidan saber a ruta, os horarios e incluso avisos ou mensaxes publicitarias e comerciais.
- Ademais, proporciona información sonora mediante altavoces no teito de próxima parada que permitirá coñecer a todos os usuarios, e especialmente ós invidentes, coñecer dita información.
- Posúe conexión Wifi con acceso gratuíto a Internet e puntos de recarga USB para dispositivos móbiles, para facilitar a todos os usuarios o uso dos seus dispositivos electrónicos durante as viaxes. O nome da rede e a clave de acceso están visibles na parte dianteira do autobús (usuario: RUT950_F9a2; contrasinal: z8V9Usc4).
- Xeolocalizador GPS que permite o seguimento da posición do vehículo en tempo real. Isto poderá facelo cada usuario descargándose a aplicación “Locatel” (usuario: bus2020; contrasinal: urbano). É esta unha ferramenta moi útil porque dende un móvil poderase saber en cada momento por onde circula o autobús.
- Conta co sistema “Alcolock”, que impide que un condutor baixo a influencia do alcohol poida conducir. Para elo o conductor debe soprar por un dispositivo que so permitirá o arrincado do vehículo se non detecta alcohol no chófer.
- Detector de fatiga do condutor, mediante unha cámara situada fronte ó asiento daquel.
- Desfribilador Externo Semiautomático (DESA): cardioprotexido e con tipo de descarga dobre, para nenos e para adultos.
Incorpora ademais as seguintes características técnicas:
- Motor de 190 CV con 6 cilindros en V.
- Apagado automático cando o vehículo para, a fin de aforrar combustible.
- Limitador de velocidade a 100km/h.
- Asistente de freado activo co servofreno de emerxencia (BAS).
- Axuda de arranque en pendente.
- Cambio con levas no volante.
- Asistente para vento lateral.
- Tacógrafo intelixente.
- Cámara traseira.
- Detector de cambio de carril, sistema de aviso de risco de impacto frontal co vehículo precedente e detector de fatiga do condutor.
- Faros antinéboa con luz de xiro.
- Conexión automática de luces de cruce.
- Luz de freo adaptativa.
- Cinturóns de seguridade para todos os usuarios.
En caso de avaría ou reparacións de mantemento do autobús urbano, a empresa adxudicataria conta cun vehículo de substitución, que fará que o servizo non se vexa interrompido.