O Equipo de Goberno do Concello adxudica o servizo de numeración de edificios e planimetría de Monforte á empresa Abante

Monforte de Lemos, 29 de xaneiro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, asinou a adxudicación do  Servizo de numeración de edificios e planimetría de Monforte, a efectos do padrón de habitantes, que lle foi outorgado á empresa monfortina Abante Arquitectura e Ingeniería, por un importe de 17.908 €, IVE incluído.

Este servizo, que nunca se levou a cabo de maneira integral no Concello de Monforte, permitirá revisar e actualizar toda a numeración dos inmobles da cidade, tanto no ámbito urbano coma rural. E, do mesmo xeito, abordarase tamén a actualización da planimetría da cidade. Para elo, a empresa adxudicataria terá un ano de prazo.

 

Solución de problemas de localización

A posta en marcha deste servizo busca solventar tres problemáticas que se están a dar en relación á numeración e localización de vivendas:

1.- Problemas á hora da recepción da correspondencia postal: hoxe en día o persoal de Correos cambia continuamente, co que os carteiros moitas veces non coñecen a ubicación de determinados inmobles, sobre todo, no eido rural.

2- Problemas no reparto de paquetería: cada vez se adquiren máis produtos por Internet, co cal nos últimos tempos, a presencia de empresas de paquetería aumentou no Concello, e moitas veces só contan coa localización GPS para atopar o destino de entrega, co que á actualización de planos e numeración, ó igual que no caso anterior, é fundamental.

3- Problemas coa asistencia sanitaria de urxencias: coma nos casos anteriores, neste caso é necesaria unha axeitada localización do lugar da urxencia, dado que ademais, nestes casos o tempo de resposta é fundamental.

Co obxecto de solventar este tipo de problemas de localización, dende o Equipo de Goberno do Concello, decidiuse sacar a concurso a licitación deste servizo, que finalmente foi adxudicado á empresa Abante, por presentar a oferta que mellores condicións reúne.

 

Un ano para actualizar numeracións e planimetría

Os traballos para actualizar a numeración de inmobles e a planimetría da cidade de Monforte desenvolveranse en dúas fases:

Nos primeiros 6 meses levarase a cabo un traballo de campo en todo o termo municipal de Monforte para actualizar a numeración de edificios e os planos correspondentes. Rematado este período, a empresa deberá presentar no Concello os datos correspondentes (documentación gráfica), en soporte papel e dixital.

Nos 6 meses restantes, o contratista, en coordinación co persoal do Concello do departamento de Padrón Territorial, efectuará tarefas de mantemento e actualización de toda a documentación gráfica, incluído a corrección de posibles erros detectados, debendo quedar esta plenamente actualizada na data de finalización do contrato. Nesta fase, o que se pretende é contrastar a información recollida, localizar posibles erros, e facer as correccións pertinentes.

Á finalización do contrato, a empresa deberá entregar un informe dos traballos realizados e da metodoloxía utilizada, que serva para utilizar posteriormente por parte dos técnicos municipais do servizo na tramitación de altas, baixas, modificacións nos parcelarios ou numeración, etc.

No mesmo prazo deberá facer entrega de fichas-modelo para a mecanización dos referidos tramites.

Deste xeito, en verbas do Alcalde, “dende o Equipo de Goberno do Concello, queremos dar solución a un problema que se está dando sobre todo nalgún núcleo rural, e que servirá para poder localizar de maneira axeitada e eficaz a todas as vivendas e inmobles rurais e urbanas de Monforte, a fin de que as diferentes empresas que traballan con este tipo de datos poidan levar a cabo os seus servizos coa máxima eficacia”.

 

 

Especificacións técnicas do servizo

O prego de prescricións técnico-administrativas, inclúe as seguintes prestacións, que ten que levar a cabo a empresa adxudicataria.

1. Numeración de edificios.

Partindo da planimetría e división por seccións estatísticas actualmente existentes no municipio de Monforte de Lemos realizaranse as labores de renumeración conforme ás directrices que se fixan polo Instituto Nacional de Estatística, dacordo coa Resolución de 16 de marzo de 2015, da Subsecretaría, por la que se publica la Resolución de 30 de enero de 2015, de la Presidencia del Instituto Nacional de Estadística y de la Dirección General de Coordinación de Competencias con las Comunidades Autónomas y las Entidades Locales, sobre instrucciones técnicas a los Ayuntamientos sobre gestión del padrón municipal.  Así, o Artigo 14.5, referido a numeración de edificios indica que “los Ayuntamientos deberán mantener actualizada la numeración de los edificios, tanto en las vías pertenecientes a núcleos de población como en la parte diseminada, debiendo estar fijado en cada uno el número que le corresponda”.

Ademáis, dacordo co Artigo 75 do Reglamento de Población y Demarcación Territorial de las Entidades Locales, “deberán mantener la correspondiente cartografía digital o, en su defecto, referencia precisa de las direcciones postales con la cartografía elaborada por la Administración competente”.

Para a numeración de edificios teranse en conta os seguintes criterios:

a) Nas vías urbanas deberá estar numerada toda entrada principal e independente que dea acceso a vivendas e/ou locais, calquera que sexa o seu uso. Poderanse numerar as entradas accesorias ou baixos como tendas, garaxes, dependencias agrícolas, adegas e outras, as cales enténdese que teñen o mesmo número que a entrada principal que lles corresponde, cun calificador engadido. Cando nunha vía urbana existan laterais ou traseiras de edificios xa numerados noutras vías, como tendas, garaxes ou outros, cuxo único acceso sexa por devandito lateral ou traseira recoméndase a numeración do edificio, tendo devandito número o carácter de accesorio.

b) Sempre que sexa posible aplicaranse estes criterios: Nas vías, os números pares estarán de forma continuada na man dereita da rúa e os impares na esquerda en sentido crecente. Nas prazas, a numeración será correlativa, sendo recomendable ordenar segundo o sentido horario e en todo caso cun único criterio como principio da vía/praza que se base na proximidade ao centro da unidade de poboación, acceso polo vial máis principal ou outros criterios xeográficos.

c) Cando pola construción de novos edificios ou outras causas existan duplicados engadirase unha letra A, B, C... ao número como calificador.

d) Os edificios situados en diseminado tamén deberán estar numerados. Si estivesen distribuídos ao longo de camiños, estradas ou outras vías, sería aconsellable que estivesen numerados de forma análoga ás vías dun núcleo urbano. Pola contra si estivesen totalmente dispersos deberán ter unha numeración correlativa dentro da entidade singular.

En xeral toda construción en diseminado debe identificarse polo nome da súa entidade singular de poboación, polo da vía ou pseudovía en que pode inserirse e polo número que nela lle pertence; ou si isto non fose posible, polo nome da entidade de poboación a que pertence e o número da serie única asignado no mesmo.

e) Ós efectos de novas numeracións en zonas de nova urbanización ou prolongación de vías, recoméndase prever a numeración en función da parcela mínima edificable prevista no planeamento urbanístico municipal.

 

2. Actualización da planimetría.

Para levar a cabo este servizo, a empresa adxudicataria partirá da planimeatría actual existente en relación coas seccións estatísticas actuais no Concello. Recabaranse así datos da información adicional que existe no Concello derivada doutros expedientes, dos planos do catastro así como doutras fontes ás que se poida acudir como poden ser o Sixpac, Google Maps, etc.

A realización dos traballos efectuarase a través de instrumentos dixitais como os SIG que permitan a organización, almacenamento, manipulación, análise e modelización dos datos extraídos vinculados a referencia espacial do termo municipal.

Confeccionaranse os seguintes planos que serán entregados ao Concello en sopote papel e dixital e que conterán como mínimo:

1. Un plano xeral do termo municipal de Monforte de Lemos delimitando distrito e seccións a escala entre 1/25.000 e 1/10.000, no que se reflexarán as vías de comunicación, hidrografía e outros accidentes xeográficos do mesmo e no que se localizarán as entidades e núcleos de poboación existentes indicando a súa denominación.

Destacaranse con trazo diferenciado os límites das seccións estatísticas, reflectindo a numeración correspondente ás mesmas (distrito-sección) e sinalando os accidentes ou construcións que configuren ditos límites.

2. Un plano de cada un dos tres distritos e de cada unha das seccións existentes no municipio  de Monforte de Lemos. Tanto seccións de núcleo como de diseminado.

-Sección de núcleo: Plano a escala entre ½,500 e 1/1.00, indicando no mesmo os nomes (que deberán estar perfectamente lexibles) das rúas, prazas e outras vías urbanas que limitan a sección e de aquelas que total ou parcialmente pertenzan á mesma.

Dentro do núcleo as mazás numeraranse correlativamente (partindo da documentación existente para causar os mínimos prexuízos nos datos actuais). En cada lado das mesmas anotaranse os números dos portais primeiro e último das vías correspondentes (ou sen número se non hai portal) Ditos números serán perfectamente lexibles.

-Sección con máis dun núcleo ou con parte de diseminado: Plano xeral a escala entre 1/25.000 e 1 / 2.000 dependendo da extensión superficial da sección.

Deberán reflectirse no plano as vías de comunicación, hidrografía e outros accidentes xeográficos que limiten a sección, e os que total ou parcialmente estean dentro da mesma. Indicaranse os nomes de ditas vías de comunicación ou hidrográficas sempre que teñan denominación coñecida ou en caso contrario a indicación dos puntos que poñen en comunicación.

Localizaranse as entidades e núcleos de poboación existentes pertencentes á sección con indicación do nome correspondente. Ubicaranse asmesmo, no plano, os edificios illados existentes na sección, indicando a numeración que teña asignada.

3. Un plano complementario de cada núcleo, barrio ou entidade singular que recolla os edificios existentes e a súa numeración a escala 1/ 2.500 e 1/1.000.

Nos planos de núcleo de sección ou de diseminado actualizaranse os nomes das rúas e outras vías urbanas, numeraranse as mazás e ubicaranse os números dos edificios agrupados ou illados axustándose á normativa vixente.