Monforte de Lemos, 25 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que o Concello vén de reactivar os procedementos de licitación para contratar obras, servizos e subministros públicos. Fíxoo ó abeiro da decisión adoptada polo Goberno central de levantar a suspensión deste tipo de procedementos que se incluíra no decreto do 14 de marzo que estableceu o estado de alarma.
Desta forma, o Concello volve a promover expedientes de contratación, o que supoñerá “un importante estímulo para a economía do Concello, para o tecido empresarial e, polo tanto, para o mantemento do emprego”, destacou o Alcalde, tendo en conta que, segundo recolle o Plan de Obras que quere desenvolver, o Concello sacará adiante antes do verán máis de 15 contratos por un importe total de preto de 500.000 euros.
“A inxección de recursos que supón a contratación e execución de obras, servizos e subministros públicos é un factor moi importante para a reactivación económica”, incidiu José Tomé Roca.
O Alcalde lembrou neste sentido que durante o estado de alarma, o Concello de Monforte mobilizou recursos económicos para inxectar no tecido económico do Concello por importe de máis de 2,5 millóns de euros co fin de paliar os efectos da crise sanitaria da Covid-19 na cidadanía, nas familias, nas empresas, nos autónomos e nos traballadores.
“Ademais do Plan Reactiva Monforte, hai que sumarlle a compra de elementos de protección para todos os monfortinos, axudas para emerxencias e axudas a familias e sectores económicos, ó que lle hai que engadir agora os contratos das obras que imos levar a cabo de inmediato nos próximos meses, en todo caso antes do verán”, salientou o Alcalde.
“Deste xeito, antes do verán empezarán as obras do Parque de Cobas, cuxa adxudicación vimos de anunciar a pasada semana, renovaremos o alumeado en 3 zonas da cidade, arranxaremos 10 rúas da cidade, licitaremos a ampliación e mellora do Parque infantil da Compañía, arranxaremos a Fonte de Rozavales e iniciaremos o local social da parroquia de “A Parte”, ubicado en Probeiros, entre outras obras que iremos anunciando e poñendo en marcha ó longo do ano, tanto na zona urbana como na zona rural, como xa se está facendo neste momento”, concluíu o Alcalde monfortino.