O Concello informa sobre o dispositivo especial de tráfico por La Vuelta Ciclista a España 2020 ó seu paso por Monforte

Monforte de Lemos, 3 de novembro de 2020. O Concello de Monforte informa sobre o dispositivo especial de tráfico que se porá en marcha mañá mércores día 4 de novembro con motivo do transcurso do pelotón durante a 14ª etapa da Vuelta Ciclista a España ó seu paso por Monforte.

No seu percorrido, o pelotón fará a súa entrada pola estrada de Chantada, procedente de Escairón, e seguirá recto pola rúa Chantada na glorieta de enlace coa Ronda María Emilia Casas Baamonde, dirección Monforte centro.

No cruce coa rúa Ourense e Avenida de Galicia, xirarán á dereita pola rúa Ourense dirección Distriz e Ferreira de Pantón.

O horario estimado pola organización de paso pola rúa Chantada é sobre as 15 horas, podendo variar en función do desenvolvemento da carreira.

 

Cortes de circulación

En función do percorrido e do horario descritos, o Concello informa que se cortará o tráfico en todas as vías polas que discorrerá a carreira, así como as que conflúan nelas.

Estímase que dito corte se faga sobre as 14:30 horas e manterase ata que finalice o paso de toda a Vuelta, pasadas as 15 horas.

O tráfico de Ronda María Emilia Casas Baamonde que circule en dirección á rúa Chantada, cortarase na glorieta de enlace con rúa Abeledos e con avenida Luís Moure Mariño, desviándose por estas rúas.

No centro da cidade, o tráfico de saída da rúa Hortas con destino á rúa Ourense, será desviado cara á Compañía e Roberto Baamonde, e na glorieta de Puente Fontecha, o tráfico de entrada a Cardenal e Avenida de Galicia tamén se cortará, desviándose pola rúa Roberto Baamonde.