O Concello informa que os novos prazos para a solicitude de prazas na Gardería infantil municipal ábrense este luns

Monforte de Lemos, 29 de maio de 2020. O Alcalde do Concello de Monforte, José Tomé Roca, asinou onte un novo decreto en virtude do cal establécense os novos prazos para a presentación de solicitudes para o procedemento de ingreso na Gardería Infantil Municipal.

Deste xeito, reanúdase o prazo para a presentación de solicitudes de reserva de praza establecéndose dúas categorías:

-Renovación: do 1 ó 8 de xuño, ambos inclusive.

-Novo ingreso: Do 1 ó 15 de xuño, ambos inclusive.

 

Antecedentes

Antes do inicio do estado de alarma por mor da pandemia do COVID-19, que estableceu dende o 14 de marzo, entre outras disposicións a suspensión de prazos administrativos, o Regulamento da Gardería Infantil Municipal sinalaba, en relación coa presentación das solicitudes para a renovación de praza para o curso 2020/2021 de nenos e nenas xa matriculados en dita Escola, que o prazo establecíase entre o 1 e o 31 de marzo de 2020, mentres que para a presentación de solicitudes de novo ingreso o prazo era dende o 1 e o 30 de abril do presente ano.

Debido a crise sanitaria xerada pola irrupción do Coronavirus, o Decreto 463/2020 de 14 de marzo do Consello de Ministros estableceu o estado de alarma para a xestión desta crise, e nel incluíronse entre outras medidas a suspensión dos termos e prazos administrativos, que consecuentemente levaron á interrupción dos prazos para a presentación de solicitudes correspondentes ó procedemento de ingreso na Gardería Infantil Municipal.

Deste xeito, orixinouse unha situación complexa dado que, por unha banda, o regulamento contempla un prazo de solicitudes de novo ingreso, dende o 1 ó 30 de abril, e, por outra banda, a situación de suspensión dos prazos determinada polo Real Decreto fixo que nesas datas non se puidese proceder á presentación das solicitudes.

Dita problemática vese incrementada debido a que, para a obtención do bono Concilia da Xunta de Galicia e para o acceso as garderías concertadas, é preciso que os solicitantes, previamente, houberan solicitado e non obtido praza na gardería municipal.

Así as cousas, xerouse unha situación de urxencia dado que pode darse o suposto de que a Xunta de Galicia inicie os citados procedementos e que o Concello de Monforte de Lemos, dados os citados prazos regulamentariamente contemplados, non poida ditar resolución, polo que os veciños e veciñas de Monforte de Lemos poderíanse ver moi prexudicados.

Deste xeito, dende o Concello considerase necesario proceder á reanudación e aprobación da modificación dos prazos establecidos para a presentación de solicitudes de ingreso na Gardería Municipal, “co obxecto de garantir os dereitos e intereses dos monfortinos e monfortinas e ca finalidade de que sexa posible tramitar todo o procedemento procurando a súa resolución o antes posible para un correcto funcionamento do servizo de modo que se minimicen as consecuencias para as familias, os nenos e as nenas para os que se solicita a praza e para a propia Escola Infantil Municipal”, sinala o Alcalde.

Así, co Decreto asinado onte dende Alcaldía, modifícanse os prazos establecidos no Regulamento para a presentación de solicitudes para o procedemento de ingreso na Gardería Infantil Municipal, reanudando o prazo para a presentación de solicitudes de reserva de praza por RENOVACIÓN do 1 ao 8 de xuño ambos inclusive e establecendo como prazo para o procedemento de reserva de praza de solicitudes por NOVO INGRESO do 1 ao 15 de xuño ambos inclusive.

 

Requisitos para a solicitude de reserva de praza

Aquelas persoas que desexen tanto renovar praza como solicitar un novo ingreso na Gardería Municipal deberán cubrir a correspondente folla de solicitude (renovación ou novo ingreso) e presentala, preferentemente por vía telemática a través da Sede Electónica do Concello, tal e como recomendan as autoridades sanitarias por mor do Covid-19, e tamén no Rexistro municipal. A solicitude deberá ir acompañada do xustificante bancario de ter efectuado o pago de 40 euros en concepto de fianza previa á reserva de praza na entidade Abanca, na conta nº 2091 0126 99 3040027693, descontándose esta cantidade do importe global da matrícula de resultar adxudicatario, e reintegrándose o importe da fianza no caso de non ser adxudicatario.

Tanto a solicitude  coma os  requisitos para a solicitude de prazas na Gardería Municipal estarán colgados dende hoxe na páxina web oficial do Concello e tamén estarán dispoñibles fisicamente no Rexistro municipal así como na Gardería, co fin de dar as maiores facilidades posibles ós cidadáns.

Para calquera dúbida en relación á Gardería Municipal, poderán prantexalas no teléfono do Centro de Información á Muller do Concello de Monforte: 982 416 350.

 

DECRETO Novos prazos Garderia Municipal Monforte

Impreso Reserva praza POR RENOVACIÓN Curso 2020 2021

Impreso Reserva praza NOVO INGRESO Curso 2020 2021