Monforte de Lemos, 23 de outubro de 2020. O Concello de Monforte informa que o vindeiro martes 27 de outubro levarase a cabo un corte no subministro de auga na rede do Fabeiro, para levar a cabo obras cuxo obxectivo é mellorar a eficiencia hidráulica da rede de abastecemento municipal.
O corte durará aproximadamente dende as 9:30 e ata as 16:00 horas, e afectará a todo o Chao do Fabeiro, Baamorto, Moreda, San Xulián de Tor, Pol, Cinsa, Seoane, así como á zona do Mercado Gandeiro ata as rúas Manuel Murguía e Uxío Novoneira.
A actuación consiste na instalación de 3 contadores, cos que se mellorará a sectorización da rede, creando 3 subsectores dotados con sistemas de monitorización para rexistrar caudais e presións.
Toda a información recollida por estes sistemas de monitorización envíase diariamente ó centro de control e visualización da oficina de Aqualia en Monforte. Deste xeito, recibidos os datos e analizados, permiten mellorar o servizo, minimizar pérdidas, evitar averías e saber o número de posibles usuarios afectados. Os equipos tamén permiten transmitir alarmas por mensaxes vía móvil, avisando ós operarios de posibles fugas ou roturas.
Deste xeito, o Concello segue traballando para a mellora do servizo de subministro de auga de Monforte, e agradece a comprensión dos veciños e rogamos desculpen as molestias que estes traballos de mellora poidan ocasionar.