O Concello informa de que o Cemiterio Municipal de Monforte volverá a abrir as súas portas mañá luns día 11

Monforte de Lemos, 10 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de asinar un decreto a través do cal permítese a apertura ó público das instalacións do Cemiterio Municipal, dende mañá luns día 11 de maio do 2020.

O Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, establecía no seu artigo 11, o que a asistencia nos lugares de culto e ás cerimonias civís e relixiosas, incluídas as fúnebres, condicionábase á adopción de medidas organizativas consistentes en evitar aglomeracións de persoas, en función das dimensións e características dos lugares, de tal maneira que se garantise ós asistentes a posibilidade de respectar a distancia entre eles de, polo menos, un metro.

Non entanto, debido ás especiais características que rodean as cerimonias fúnebres, era difícil asegurar a aplicación das medidas de contención e distanciamento coa separación interpersoal de máis dun metro necesaria para limitar a propagación do virus.

Neste senso, a Orde SND/298/2020, de 29 de marzo, estableceu medidas excepcionais en relación cos velorios e cerimonias fúnebres, civís ou de culto relixioso, limitando así a participación nas comitivas para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida a un máximo de tres familiares ou achegados, ademais, no seu caso, do ministro de culto.

Con base na citada normativa, dende o Concello de Monforte procedeuse ó peche do Cemiterio Muncipal para as visitas ao público, quedando autorizadas, unicamente as actividades de enterramento.

O 3 de maio, a Orde SND/386/2020 flexibilizou determinadas restricións sociais e determinou as condicións de desenvolvemento da actividade de comercio polo miúdo e de prestación de servizos, así como das actividades de hostalaría e restauración nos territorios menos afectados pola crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

No seu artigo 5, referido a velorios e enterros dispúxose que a participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida, restrínxese a un máximo de quince persoas, entre familiares e achegados, ademais de, no seu caso, do ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.

Deste xeito, en base ás condicións establecidas polo citado artigo 5, o Alcalde de Monforte, decretou a apertura ao público das instalacións do cemiterio municipal. En todo caso, sinalou o Alcalde “deberán respectarse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención do COVID-19, relativas ao mantemento dunha distancia mínima de seguridade de dous metros, hixiene de mans e o uso de mascarilla sanitaria”.

 DECRETO APERTURA CEMITERIO