Monforte de Lemos, 13 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de asinar un decreto a través do cal permítese a apertura ó público das instalacións da Biblioteca Municipal, dende hoxe mércores día 13 de maio.
Por Decreto da Alcaldía de data 13 de marzo de 2020, dada a situación sanitaria na que nos atopábamos e, como complemento as medidas acordadas polo Goberno do Estado e pola Xunta de Galicia, dispúxose entre outras medidas que afectaban ó ámbito estritamente municipal, en relación coa crise sanitaria producida polo COVID-19, o peche da Biblioteca Municipal do Concello de Monforte de Lemos.
A Orde SND/399/2020, do 9 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional, establecidas tras a declaración do estado de alarma en aplicación da Fase 1 do Plan para a Transición cara a unha Nova Normalidade no seu artigo 23 permite a reapertura das bibliotecas e servizos autorizados.
Deste xeito, en base á citada Orde, o Alcalde de Monforte veu de decretar a reapertura da Biblioteca Municipal do Concello, en concreto, para as actividades de préstamo e devolución de obras, lectura en sala, para o cal será necesario establecer cita previa chamando ó teléfono da Biblioteca (982 404 404), así como para información bibliográfica e bibliotecaria. O horario provisional de apertura é de 9:00 a 14.00 horas.
Da mesma maneira, na Biblioteca Municipal non se poderán levar a cabo actividades culturais, actividades de estudo ou lectura en sala, de préstamo interbibliotecario, así como calquera outro servizo destinado ó público distinto dos mencionados no parágrafo anterior. Así mesmo, non se poderá facer uso dos ordenadores e medios informáticos da Biblioteca destinados para o uso público dos cidadáns, así como de catálogos de acceso público en liña ou catálogos en fichas da biblioteca.
As obras serán solicitadas polos usuarios e proporcionadas polo persoal da Biblioteca Municipal. Unha vez consultadas, depositaranse nun lugar apartado e separadas entre si durante polo menos catorce días. As coleccións de libre acceso permanecerán pechadas ao público.
Do mesmo xeito, a persoa responsable da Biblioteca Municipal será a encargada de que se adopten e sigan as medidas de limpeza, hixiene e seguridade determinadas polas autoridades sanitarias ante a pandemia do Coronavirus para garantir o bo desenvolvemento do servicio tanto para os usuarios coma os traballadores da Biblioteca.
Así, antes da apertura das instalacións da Biblioteca levouse a cabo unha limpeza e desinfección exhaustiva das instalacións, mobiliario e equipos de traballo.
Ademais, nas zonas de acceso e nos puntos de contacto co público, situáronse dispensadores de xel hidroalcohólico, autorizados e rexistrados polo Ministerio de Sanidade.
E tamén, habilitouse un espazo na Biblioteca para depositar, durante polo menos catorce días, os documentos devoltos ou manipulados polos usuarios, dispoñendo carros para o seu traslado.
Finalmente, instaláronse carteis informativos sobre as medidas hixiénicas e sanitarias para o correcto uso dos servizos bibliotecarios, estando a información exposta na entrada da Biblioteca.