Monforte de Lemos, 1 de abril de 2020. O Alcalde de Monforte e o seu Equipo de Goberno seguen axudando a loitar contra a pandemia do COVID-19 e son plenamente conscientes das necesidades dos diferentes colectivos que na cidade traballan para paliar a extensión e o tratamento deste virus.
Deste xeito, tal e como se anunciara na xornada de onte, unha vez que o Equipo de Goberno tivo coñecemento de que as empregadas da empresa Fepas, encargada de prestar o servizo do Concello de axuda a domicilio para persoas dependentes, carecían de elementos de protección individual suficientes ante o coronavirus, equipos necesarios para desempeñar a súa labor axeitadamente, e tendo en conta ademais que traballan con persoas de alto risco á hora de poder contraer e padecer esta enfermidade.
Así, na mañá de hoxe, a primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, en coordinación co Alcalde, José Tomé Roca, desprazouse ata as dependencias de dita empresa, na rúa Teceláns de Monforte, para facer entrega do seguinte material de protección (EPIs):
- 60 batas desechables
- 100 mascarillas
- 15 pantallas protectoras
Do mesmo xeito, tamén se fixo entrega, no Servizo de Urxencias do Hospital Comarcal, de 32 buzos de protección, que se unen ós 50 entregados na mañá de onte.
Agradecemento a donacións e colaboracións desinteresadas ante a crise do coronavirus
O Alcalde quere agradecer dúas accións desinteresadas que se produciron en relación con esta etapa de crisis polo virus COVID-19.
Dunha banda, o empresario de O Saviñao, José Luis Losada Pérez, propietario de Confecciones Elper, fixo entrega ó Concello de Monforte de 240 mascarillas de protección laboradas por esta empresa.
E doutra banda, tamén agradécese dende o Concello a labor desinteresada e altruísta de José Pino Vázquez, profesor do IES A Pinguela que está adicando o seu tempo de confinamento á elaboración de máscaras de protección utilizando unha máquina impresora en 3D cedida polo Concello de Monforte para tal fin, así como outra máquina propiedade do citado instituto. Algunhas das máscaras elaboradas por este profesor xa se repartiron para o persoal da residencia de Geriatros, para diversos servizos do Hospital Comarcal, así como para a Policía Xudicial e outros colectivos que as foron demandando.
Actualmente, este profesor está elaborando máscaras de protección para o propio Concello de Monforte, que serán distribuídas en función das demandas que van chegando ás diferentes dependencias municipais.
O Alcalde recorda que “o Equipo de Goberno deste Concello traballa día a día para seguir detectando as necesidades dos diferentes colectivos da cidade que están a desenvolver a súa actividade en contacto co COVID-19, e seguiremos, na medida das nosas posibilidades e recursos, axudándoos coa entrega de material de protección e desinfección para combater de xeito máis eficaz a expansión desta pandemia”.
Do mesmo xeito, conclúe Tomé Roca, “dende o Concello seguimos tratando de buscar e adquirir, nun mercado convulso e con moitas dificultades, máis material de protección para seguilo subministrando, xunto coas doazóns que seguimos recibindo e os derivados das accións altruístas, os colectivos necesitados da nosa cidade. Neste senso, estamos a adquirir todo tipo de material de protección tanto nos establecementos da cidade, coma noutros da provincia, así como en diversos puntos de Galicia e incluso noutras comunidades”.