Monforte de Lemos, 8 de marzo de 2020. O Concello de Monforte, desde a súa Concellería de Igualdade, e o Centro de Información á Muller (CIM) non son alleos á importancia que ano a ano adquiren as actividades que se organizan arredor do día 8 de marzo, día Internacional da Muller.
Deste xeito, na mañá de hoxe, tivo lugar a Concentración oficial polo “Día internacional da Muller” que se levou a cabo diante das Casitas (explanada da Compañía). Neste acto, tivo lugar a lectura do Manifesto, que este ano levou por título “Eu son da xeración igualdade: Polos dereitos das mulleres”.
O acto estivo presidido polo Alcalde da cidade, José Tomé Roca, e á lectura do Manifesto correu a cargo da Concelleira de Muller e Igualdade, Margarita López. Tamén estiveron presentes diversos membros da Corporación Municipal, así como as responsables do Centro de Información á Muller.
Á concentración sumáronse centos de monfortinos e monfortinas para reivindicar a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres. En verbas da Concelleira “as mulleres non queremos nin máis, nin menos dereitos, senón os mesmos para conseguir dunha vez por todas unha sociedade igualitaria e democrática. Queremos unha sociedade paritaria e participativa, na que as mulleres ocupen o lugar que lles corresponde por dereito”.
O vindeiro acto en relación as actividades do 8M terá lugar mañá luns día 9 e consistirá no Visionado e entrega do conto “Inés Fernández, unha muller para o 8 de marzo”. Continuando co proxecto de colaboración que a Concellería de Muller e Igualdade a través do CIM mantén co colectivo “Lemosle de Monforte e Comarca” realizarase a presentación deste conto dixital no salón de actos do Centro Cívico e farase entrega dos exemplares en papel do citado conto. Asistirán os Centros de Ensino de Monforte e comarca, así como as Bibliotecas Municipais e escolares da zona en distintas sesións, dende as 11:30 h. ata as 13:30 h.