Monforte de Lemos, 2 de abril de 2020. Dende a Concellería de Medio Ambiente do Concello de Monforte, infórmase de que nos últimos días téñense detectado un número de casos crecente de bolsas de lixo depositadas dende primeira hora da mañá en diferentes rúas da cidade, especialmente dende o establecemento do estado de alarma decretado polo Goberno de España ante a crise do COVID-19.
Neste senso, o Alcalde da cidade, José Tomé Roca, fai un chamamento ós veciños e veciñas de Monforte para que sexan comprensivos ante estes momentos de crise sanitaria e eviten depositar as súas bolsas de lixo nas beirarrúas “xa que a ordenanza de recollida de lixo segue vixente e o lixo debe ser depositado nos cubos que para tal fin se habilitan nos horarios habituais”.
O chamamento busca concienciar á poboación da necesidade de evitar este tipo de prácticas, pois que as bolsas de lixo permanezan durante horas na rúa pode ser prexudicial para a saúde dos cidadáns, dado ademais o momento actual de crise sanitaria, na que é tan importante manter a salubridade e a desinfección dos espazos públicos.
Recollida de enseres e desinfección diaria
Do mesmo xeito, ademais dos servizos habituais de recollida do lixo, o Alcalde recorda ós veciños que segue activo o servizo de recollida de enseres, e que se pode solicitar chamando ó teléfono 900 101 390.
Ademais, a empresa encargada da recollida de lixo e da limpeza viaria da cidade, FCC, segue levando a cabo diariamente labores de desinfección por mor do COVID-19, especialmente nas beirarrúas, papeleiras, contedores, bancos, farolas, así como en espazos de uso público como poden ser os exteriores de farmacias, supermercados, panaderías ou a Praza de Abastos.
O baldeo de rúas e a desinfección dos espazos urbanos e do mobiliario público, lévase a cabo utilizando produtos de limpeza especiais co obxectivo de garantir a propagación do coronavirus.