Monforte de Lemos, 10 de marzo de 2020. A Concellería de Muller e Igualdade do Concello de Monforte, a través do CIM e en colaboración co colectivo “Lemos Le” e cos centros educativos e bibliotecas de Monforte e da comarca de Lemos, presentou onte o conto “Inés Fernández: unha muller para o 8 de marzo” no Salón de Actos do Centro Cívico Social.
Este acto encádrase dentro da programación de actividades que se fan dende o Concello para conmemorar o 8 de marzo Día Internacional da Muller. Deste xeito, na presentación estiveron presentes a Concelleira de Muller e Igualdade de Monforte, Margarita López, así como as responsables do CIM.
O conto “Inés Fernández: unha muller para o 8 de marzo” é o resultado do traballo realizado durante o mes de marzo e abril do ano pasado co alumnado de educación primaria de Monforte e da comarca de Lemos.
Neste contexto, a presentación pública que tivo lugar onte desenvolveuse en catro sesións, unha de 11:30 a 12:00 horas, outra de 12:00 a 12:30, a seguinte de 12:30 a 13:00 e a última de 13:00 a 13:30 horas. Ó acto convidouse a todo o alumnado e profesorado que participou nesta iniciativa, isto é Centros Educativos, Bibliotecas e o colectivo “Lemos Le”. Ós participantes fíxoselles entrega dunha serie de exemplares para que poidan ter dispoñibles as súas instalacións e para que toda a poboación que o desexe poida acceder ó Conto.
O acto rematou coa reprodución do conto en formato dixital, coa voz en off da locutora de Onda Cero Manola Porto Arias.
Con esta publicación péchase a colección de contos realizados dende a Concellaría de Muller e Igualdade en colaboración co Colectivo “Lemos Le”, colección que foi posible grazas ó traballo desenvolto con todo o alumnado de Monforte e comarca ó longo de 6 anos. Estes traballos, permitiron facer pública, a través do formato de conto, a biografía de mulleres destacadas de Monforte e comarca: Inés de Castro (Monforte de Lemos), María Castaña (Pobra de Brollón), Lola de Penelas (Sober), Balbina López Somoza (O Saviñao), Genoveva González Prieto (Bóveda) e Inés Fernández (Pantón).
Esta iniciativa comezou a súa andadura no ano 2014 partindo da idea de dar a coñecer un pouco mais a historia de distintas mulleres vinculadas á comarca de Lemos, transmitindo ao alumnado de educación primaria a través de obradoiros unhas claves sinxelas sobre as súas vidas para que posteriormente as plasmaran en debuxos que se recolleron nos distintos contos publicado polo concello de Monforte.
Na actualidade esta colección está a disposición de toda a cidadanía nas Bibliotecas escolares e municipais de Monforte e comarca.