Monforte de Lemos, 24 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de comunicar que a mediados do mes de xuño comezarán os traballos de desbroce da contorna do conxunto monumental de San Vicente. En concreto, o Campo da Virxe é o espazo no que se prevé que se iniciará esta actuación posta en marcha polo Equipo de Goberno Municipal.
Se as condicións climatolóxicas o permiten, a previsión é que os traballos duren ó redor dun mes, polo que a mediados de xullo a actuación estaría completamente rematada. Os traballos contan cunha inversión de 17.449,02 euros.
Esta acción vaise realizar nas zonas que son de titularidade pública, unha superficie que supera os 14.000 metros cadrados de extensión. “O conxunto monumental de San Vicente e a súa contorna teñen un incuestionable valor histórico, arquitectónico e social para o noso municipio”, apunta o Alcalde. O mandatario local engade que “as zonas nas que imos actuar presentan unha merma significativa do seu aspecto, debido á presenza de masas vexetais ó longo de toda a muralla e ó nacemento de matogueiras na súa contorna”.
Os traballos consistirán na limpeza de maleza na zona de San Vicente, nas ladeiras colindantes co restaurante O Grelo e a Torre dos Taboada, así como a zona na que este restaurante limita coa muralla e o triángulo situado fronte ó citado restaurante. Tamén abordarán a zona do Parador e Campo da Virxe ata a Torre Pequena e o Miradoiro.
Do mesmo xeito, procederase á limpeza da Porta da Alcazaba e a Porta Nova, as escaleiras á rúa da Pena, o Parque dos Loureiros, e a ladeira na zona que hai entre o muro de contención e unha finca privada.
Finalmente tamén se acometerán traballos de limpeza de maleza no solar da rúa A Cerca, en subida a rúa Burato, no camiño de acceso ó Depósito da Auga, e nos arredores da Torre Falagueira.