Monforte de Lemos, 29 de setembro de 2020. O Concello de Monforte oferta a partir do 1 de outubro un programa de formación universitaria dirixido a maiores de 50 anos, froito do acordo que a entidade monfortina estableceu coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O programa leva por título “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento” está composto por diversos seminarios formativos, totalmente gratuítos. Poderá inscribirse neles calquera persoa maior de 50 anos, para que non é necesario posuír ningunha formación previa específica.
O Alcalde, José Tomé Roca, salienta que “trátase dun programa de interese público co que garantimos o dereito de todos os cidadáns ó acceso a educación superior independentemente da súa idade, xénero, domicilio ou recursos. Polo tanto, entendemos a través deste proxecto favoreceremos o achegamento do coñecemento á poboación maior do noso Concello, o que incidirá na mellora da súa calidade de vida e a súa participación social real nos ámbitos rural e urbano”.
Deste xeito, todos os interesados e interesadas poderán formalizar a súa inscrición gratuíta neste programa acudindo á Biblioteca Municipal de Monforte (Praza de España) en horario de 9 a 14 horas e cubrir o correspondente formulario de inscrición, que tamén está dispoñible na web do Concello. O prazo abrirá dende o día 1 e ata o 8 de outubro.
Antecedentes
As institucións públicas galegas, como establece a Constitución e o Estatuto de Autonomía de Galicia, teñen a obriga de por os medios para espallar o coñecemento e o saber a toda a sociedade, tanto o coñecemento universal como o local, mais relacionado neste caso coa memoria histórica e social das comarcas e concellos. Neste senso, entidades como a Universidade de Santiago de Compostela e os propios concellos, xogan un papel fundamental, que é o caso destas accións formativas ofertadas.
Así, froito desta necesidade e inquietude que persegue a democratización do coñecemento, o Concello de Monforte alcanzou un acordo coa USC, e co apoio da Deputación de Lugo, para desenvolver na cidade o programa universitario para maiores de máis de 50 anos “Camiños de coñecemento e experiencia. Proxecto de democratización do coñecemento”.
O programa achega esta formación específica a zonas e sectores da poboación que, por diferentes motivos (xeográficos, económicos …), non poden asistir ó devandito programa de formación para maiores nas instalacións universitarias en cada unha das sedes oficiais da USC. A colaboración co Concello de Monforte, que pon a disposición de docentes e participantes, as instalacións do Centro Cívico, posibilita o desenvolvemento deste programa.
Obxectivos
O obxectivo principal deste programa é favorecer a democratización do coñecemento, potenciando e difundido o coñecemento científico e artístico a toda a poboación maior de 50 anos nos concellos que se suman a este proxecto. Para elo, desenvólvense accións específicas que se concretan en varios obxectivos específicos:
- Revalorizar e profundar no valor do noso patrimonio.
- Concienciar, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día das nosas vidas.
- Recoñecer o valor das disciplinas artísticas nas nosas emocións e vivencias.
- Adaptar e coñecer as competencias sociosanitarias dos principios de envellecemento activo.
- Acadar unha mellora da calidade de vida, do benestar e da participación a través do exercicio intelectual que require este tipo de formación.
Metodoloxía
A metodoloxía é de corte participativa e aberta, na que os docentes universitarios desenvolveran varias sesións de docencia: teóricas unhas (de conferencia/seminario onde se pretende favorecer o dialogo e participación dos asistentes) e outras prácticas (con actividades de visita guiada, obradoiro,…) sendo unhas de corte máis humanístico, outras máis científicas e outras artísticas.
Programa “Camiños de coñecemento e experiencia” en Monforte
O programa de seminarios e activades prácticas desenvolverase no Centro Cívico de Monforte (Paseo do Malecón) do 9 ó 21 de outubro de 2020. Dito programa contará coas seguintes actividades teóricas e prácticas:
-Seminario: Biodiversidade e Conservación
09/10/2020 16:30-18:00 h.
Profa. Dra. Dna. Teresa Rodríguez López. Facultade de Veterinaria (USC)
-Saída á Ribeira Sacra.
14/10/2020 16:30-18:00 h.
Profa. Dra. Dna. Teresa Rodríguez López. Facultade de Veterinaria (USC)
Prof. Dr. D. Emilio Carral Vilariño. Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (USC)
-Seminario: Introdución á criminoloxía. A criminoloxía e a política criminal.
15/10/2020 16:30-18:00 h
Profa. Ana Moure Soengas. Facultade de CC. Políticas (USC)
-Obradoiro práctico: A análise dunha “huella dactilar”.
16/10/2020 16:30-18:00 h
Profa. Ana Moure Soengas. Facultade de CC. Políticas (USC)
- Casais, casas grandes e pazos. Un paseo pola tradición popular e fidalga monfortina.
20/10/2020 16:30-18:00 h
Profa. Dna. Carolina Casal Chico. Licenciada en Hª da Arte e investigadora da Rede de Estudos Medievais da USC
-Visita ó Pazo de Tor.
21/10/2020 16:30-18:00 h
Profa. Dna. Carolina Casal Chico. Licenciada en Hª da Arte e investigadora da Rede de Estudos Medievais da USC
DESCARGAS: