Monforte de Lemos, 28 de maio de 2020. A partir do vindeiro luns, 1 de xuño, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do inicio dos traballos de desbroce de vías, camiños e demais superficies de titularidade municipal das parroquias de Monforte.
“Este ano” explica o Alcalde, “é dos anos nos que damos inicio máis rápido a estas actuacións de desbroce nas parroquias. Hai que ter en conta que a maleza medra moito nesta época, por iso o noso obxectivo é eliminala para poder facilitar a circulación de vehículos e de peóns polos camiños e entornos rurais, así como para que sexa moito máis doado poder acceder ás casas e ás fincas. En definitiva, o noso obxectivo é facilitar as boas comunicacións e a mobilidade das persoas no noso eido rural”.
A previsión, sinala Tomé Roca “é rematar todos os traballos de desbroce antes do inicio do mes de agosto, dado que este é un mes onde normalmente recibimos un maior número de visitantes, e as previsións son que así siga sendo a pesar da crise do coronavirus, polo que o roce dos camiños das nosas parroquias é unha actuación imprescindible”.
Desenvolvemento dos traballos de desbroce
Os traballos de desbroce nas parroquias de Monforte abranguerán unha superficie total de actuación de 95 hectáreas de camiños de titularidade municipal.
Para o seu desenvolvemento, dende o Equipo de Goberno do Concello adxudicouse a contratación deste servizo á empresa Deslusur S.L. por un importe de 16.392,81 euros, IVE incluído.
Os traballos que se desenvolverán ó longo dos meses de xuño e xullo consistirán na roza mecánica da maleza ata obter un galibo libre de 5 metros, por ámbalas dúas marxes das vías, camiños e superficies de titularidade municipal.
Para o desenvolvemento destas labores, vanse empregar 3 tractores agrícolas e forestais de 125 CV, que están compostos de desbrozadora lateral e arrastrada.
Ademais, tamén se utilizará un vehículo municipal, en concreto un tractor John Deere de 125 CV, que será manexado por persoal da Brigada de Obras da Concellería de Servizos e Medio Rural do Concello.
Dado que a previsión é que os traballos de desbroce rematen antes do inicio do mes de agosto, o desenvolvemento destes traballos polo persoal da empresa adxudicataria e persoal do Concello, desenvolveranse en xornadas de mañá e tarde, dado ademais que a superficie abarcada, 95 hectáreas, é superior á de outros anos.
Coma Presidente da Deputación de Lugo, Tomé Roca tamén avanzou que “estes traballos van coincidir co inicio, o 1 de xuño, cos desbroces das estradas provinciais que se van levar a cabo dende a Deputación Provincial”.