Monforte de Lemos, 26 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar dous decretos onde se establecen as condicións de uso tanto da Biblioteca Municipal como do Cemiterio, de acordo cos criterios establecidos polo Goberno de España dentro da Fase 2 de desescalada por mor do COVID-19, a través da Orde SND/414/2020, de 16 de maio.
Biblioteca Municipal
O pasado 13 de maio, mediante decreto de Alcaldía nº 657, establecéronse as primeiras normas relativas o uso da Biblioteca municipal, dacordo coas condicións determinadas pola Fase 1 da desescalada, recollidas na Orde SND/399/2020, de 9 de maio. Deste xeito, procedíase á reapertura da Biblioteca de Monforte para as actividades de préstamo e devolución de obras, información bibliográfica e bibliotecaria, e lectura en sala con restricións de aforo máximo. Do mesmo xeito, non estaba permitida a celebración de actividades culturais nin facer uso dos seus medios informáticos e ordenadores da biblioteca.
Tamén se establecían medidas de hixiene e prevención (limpeza de instalacións, ubicación de dispensadores de xeles hidroalcohólicos, instalación de pantallas protectoras, etc.) e se establecía un espazo para depositar as obras consultalas e mantelas illadas durante 14 días.
Neste senso, tal e como establecían as normas, procedeuse á instalación de carteis e documentos informativos sobre as medidas hixiénicas e sanitarias para o correcto uso dos servizos bibliotecarios.
A Orde SND/414/2020, de 16 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas trala declaración do estado de alarma en aplicación da fase 2 do Plan para a transición cara unha nova normalidade, establece no seu artigo 24 as normas de uso das bibliotecas, as cales son recollidas polo novo decreto da Alcaldía do Concello de Monforte asinado onte e que autorizan os seguintes servizos, dentro desta segunda fase da desescalada:
- As bibliotecas, tanto de titularidade pública como privada, prestarán os servizos establecidos na Orde SND/399/2020, de 9 de maio, e os expresamente previstos no presente artigo.
- Poderán levarse a cabo actividades de consulta en sala sempre que non se supere un terzo do aforo autorizado. Cando un usuario abandone un posto de lectura, este haberá de ser limpado e desinfectado.
- Poderase facer uso dos ordenadores e medios informáticos das bibliotecas destinados para o uso público dos cidadáns, así como de catálogos de acceso público en liña, catálogos en fichas da biblioteca ou publicacións electrónicas. Todos eles deberán limparse logo de cada uso.
- Permitirase o préstamo interbibliotecario entre as bibliotecas situadas nalgunha das unidades territoriais previstas no anexo, debéndose proceder coas obras obxecto deste préstamo do mesmo xeito que coas obras de préstamo domiciliario.
- Non obstante o establecido nos apartados anteriores, as salas infantís e as coleccións de libre acceso permanecerán pechadas.
- 6. Serán de aplicación as medidas de hixiene, prevención e de información previstas nos artigos 24 e 25 da Orde SND/399/2020, de 9 de maio.
Condicións uso fase 2 desescalada Biblioteca Municipal
Cemiterio Municipal
No caso do Cemiterio Municipal de Monforte, tamén mediante decreto de Alcaldía nº 638, de 8 de maio, procedíase, dentro da Fase 1 da desescalada, á súa apertura o pasado luns 11 de maio, con restricións determinadas pola Orde SND/386/2020, de 3 de maio que, no seu artigo 5, flexibilizaba a participación en velorios e enterros ata un máximo de 15 persoas, co mantemento dunha distancia mínima de seguridade de dous metros, hixiene de mans e o uso de mascarilla sanitaria.
A Orde SND/414/2020, de 16 de maio, para a flexibilización de determinadas restricións de ámbito nacional establecidas trala declaración do estado de alarma en aplicación da fase 2 do Plan para a transición cara unha nova normalidade establece no seu artigo 8 en relación a velatorios e enterros, as seguintes disposións, que son recollidas polo decreto asinado onte polo Alcalde de Monforte, en relación o uso do Cemiterio municipal na Fase 2 da desescalada:
- Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, cun límite máximo, en cada momento, de 25 persoas en espazos ao aire libre ou 15 persoas en espazos pechados, sexan ou non convivintes.
- A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de 25 persoas, entre familiares e achegados, ademais de, no seu caso, o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.
- En todo caso, deberán respectarse as medidas de seguridade e hixiene establecidas polas autoridades sanitarias para a prevención do COVID-19, relativas ao mantemento dunha distancia mínima de seguridade de dous metros, hixiene de mans e mascarilla respiratoria.