Monforte de Lemos, 29 de agosto de 2020. A primeira Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, ben de anunciar dúas importantes actuacións de mellora nas que son “dúas das localizacións máis visitadas da cidade e da comarca de Lemos: a Torre da Homenaxe e o Centro de Viño”.
“Deste xeito”, destacou a Tenente de Alcalde, “estas actuacións que levará a cabo o Concello de Monforte ó longo do vindeiro mes de setembro teñen como finalidade o embelecemento, rehabilitación e dinamización destes dous centros, dado o alto volume de visitas que reciben, mediante á colocación de diversos paneis informativos e interactivos. Tamén, realizarase unha mellora e substitución da luminaria interior dos diferentes espazos, co redeseño dos mesmos cun novo enfoque máis actual”.
Estas obras de mellora levaranse a cabo na Torre da Homenaxe, debido a que é un importante espazo concebido para a interpretación da riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística do conxunto monumental de San Vicente (BIC).
E o redeseño que afecta ó Patio interior do Centro do Viño permitirá que este se converta nun centro de encontro para exposicións, e que no conxunto do edificio, tanto para o Museo do Viño, como para a propia Oficina Municipal de Turismo, ofrecerá unha alternativa máis como sala renovada para exposicións. Deste xeito, con esta actuación de reforma e mellora do espazo central do edificio darase un novo uso a este patio, que será complemento da actual oferta turística.
Ambos proxectos contan cunha inversión de 45.980 euros, dos que 25.785,10 serán destinados á Torre da Homenaxe e 18.742,90 euros á mellora do patio interior do Centro do Viño. O 65% do importe (29.887 €) é subvencionado pola Axencia de Turismo de Galicia e o restante 35% corre a cargo do Concello de Monforte.
ACTUACIÓNS SOBRE A TORRE DA HOMENAXE
A Torre da Homenaxe pode considerarse como o elemento máis representativo do Val de Lemos, de ahí a importancia que supón esta actuación. A rehabilitación interior de espazos ten por obxectivo dar o máximo protagonismo tanto ó edificio como ó museo, ambos como Centro de Interpretación do Conxunto Monumental de San Vicente (BIC), de forma que poida ser o punto de inicio dos percorridos para coñecer este enclave de Monforte, que ademais é o mellor miradoiro sobre o Val de Lemos.
Búscase en todo momento a compatibilidade entre materiais e tratamentos antigos e modernos, e para elo inclúense elementos de novo deseño como barandas, mostrador, bancos, luminarias, atrís e expositores. No deseño destes novos elementos procúrase súa reversibilidade e máxima integración no monumento, para o que se utilizarán formas, materiais, tons e texturas relacionadas e compatibles co edificio e axeitadas ós novos usos.
O proxecto prantexa unha nova mirada, centrada no deseño dos espazos interiores, baseada na interpretación do edificio e a súa historia. No novo deseño turístico da Torre da Homenaxe, distribuirase en cada unha das plantas do inmoble, unha temática e unha interpretación diferente en cada estancia. Aproveitarase aquel material que está en bo estado, sobre todo paneis de información que están en bastante bo estado, armaduras, baúis, entre outros materiais, que serán reorganizados segundo as temáticas propostas neste proxecto.
Para completar este proxecto, está prevista a adquisición de novos materiais: paneis informativos, un banco, un punto de información interactivo e un mostrador. Do mesmo xeito, substituirase toda a iluminación interior por unha iluminación dende abaixo, a través de luces indirectas e redirixidas a cada elemento a enfatizar. Colocarase barandiñas e pasamáns por toda a escaleira para garantir a seguridade e evitar danos persoais.
Obxectivos da intervención na Torre da Homenaxe
- Dar o máximo protagonismo ó edificio e ó enclave no que se atopa (iluminación interior indirecta en todas as prantas que resalte a construción, potenciando deste xeito a riqueza patrimonial, histórica, cultural e paisaxística deste enclave.
- Eliminar o feísmo existente coa retirada das instalacións de cables en superficie sendo substituídas por iluminación inferior menos agresiva co entorno.
- Contemporizar o espazo expositivo acorde coas tendencias actuais, utilizando para elo materiais acordes co entorno como madeira ou ferro, pero cun deseño máis contemporáneo.
- Dinamizar o espazo actual cos elementos existentes e reorganizalo coas circulacións adecuadas e os paneis necesarios: mostrador en recepción, panel informativo, punto de información interactivo…
Planta baixa: recepción do visitante: Tratase da planta de acceso á Torre da Homenaxe e polo tanto a zona de recepción ó visitante. Nela prantéxase unha disposición de elementos e mobiliario organizado para este fin, creando as circulacións de entrada de xente e o espazo axeitado para facela o máis atractiva posible e "invitar o visitante" a entrar.
Así, procederase á colocación dun panel informativo ó inicio da escaleira onde se indicará o que o visitante poderá ver nas diferentes plantas. Será un panel en aceiro corten con letras en relevo en cor gris arena.
Realizarase un mostrador a medida deseñado para ocultar o sistema de calefacción actual, co seu correspondente taburete, e unha zona expositora en vidro para dispoñer diferentes folletos e pezas decorativas. Dito mostrador ubicarase na zona posterior e fronte á porta de acceso, evitando o angosto espazo baixo-escaleira onde se ubica actualmente.
Na planta baixa atopase un elemento que será destacado, o “aljibe”, construído para almacenar as augas da chuvia. Así, deixarase en todo o seu arredor un espazo libre de obstáculos, coa iluminación axeitada para que os visitantes poidan contemplalo con comodidade, feito que na actualidade non ocorre.
Planta primeira: Organización social: Ó igual que noutras plantas, substituirase a iluminación, ocultando todos os cables, e a iluminación será inferior. Reorganizaranse os paneis e mobiliario xa existentes, acorde coa temática desta sala.
Planta terceira: Recreación: Nesta planta atópanse dous elementos singulares da Torre da Homenaxe: a Fiestra da Raíña e a Cheminea integrada no muro da Torre. Por elo, nesta planta ubicaranse os elementos máis relacionados coa estética construtiva da Torre así como de singularidade medieval. Dándolle unha axeitada iluminación á Cheminea, retirarase o mobiliario deteriorado e reorganizarase aquel que sexa aproveitable.
Planta cuarta: A Fortaleza: A medida que ascendemos na Torre acercámonos á cuberta que é o lugar que conta coas mellores vistas de toda a cidade de Monforte. Nesta planta incluirase toda a cartelería xa existente relacionada directamente coa Fortaleza na que se atopa emprazada a Torre, así como a historia de Monforte relacionada coa mesma.
É esta unha das salas más interesantes deste inmoble, xa que é de estrutura abovedada, polo que levará a cabo a súa iluminación indirecta cara estas bóvedas para enfatizalas. Tamén será dotada con un sistema de música ambiental, para que o visitante disfrute deste entorno dende os bancos centrais que serán novos, e que permitirán o descanso do visitante antes do ascenso á cuberta.
Deste xeito, nesta planta colocarase un banco de madeira para o descanso e observación, de medidas 240x90 cm., así como un punto de información interactivo para poder obter información turística do propio inmoble con recreacións da época, información sobre todo o conxunto monumental de San Vicente e a súa fortaleza, e tamén ofrecerá outra información do Concello e da Terra de Lemos, así como da Ribeira Sacra.
Esta planta estará adicada á realidade virtual, para que sexa un espazo actual aberto ás novas tecnoloxías, e ó tratarse da última planta, antes de saír a cuberta, desde onde o visitante está a unha altura de 30 metros, nela poderase visualizar nunha panorámica de 360º, moitos quilómetros de territorio do Val de Lemos, sendo de gran interese a información proporcionada ó visitante.
Planta da cuberta: Na cima da torre a 30 metros de altura, a panorámica paisaxística é espectacular, polo que neste espazo colocarase un atril en aceiro corten para facilitar a información do territorio visualizado dende este punto de ubicación.
ACTUACIÓNS SOBRE O PATIO INTERIOR DO CENTRO DO VIÑO
O edificio do Centro do Viño alberga o Museo do Viño e a Oficina Municipal de Turismo, que conforman un patio interior deste inmoble emblemático que posúe unha arquitectura tradicional, onde antigamente estaba ubicada a Casa Consistorial. Dende hai aproximadamente unha década, esta edificación é o centro neurálxico da información turística do Concello. Co proxecto de mellora que detallamos a continuación, rehabilitarase unha zona do inmoble, o seu patio interior, para destinalo a sala de exposicións de artistas.
Así, a mellora ideada polo Equipo de Goberno do Concello para o patio interior do Centro do Viño ten por obxectivo dar o máximo protagonismo ó edifico para que sexa máis atractivo ós visitantes, cunha zona de exposición axeitada e segura. Para poñer en valor e completar un servizo máis do Centro do Viño, preténdese ofrecer un espazo máis actual para exposicións, que xunto co actual Museo do Viño e a Oficina de Turismo, complete a oferta, cada vez máis demandada, de salas especiais para exposicións.
Este patio interior trátase dunha zona na que de forma puntual se expoñen obras de diferentes artistas pero que no está acondicionada para este fin. Polo tanto, este proxecto de mellora contempla actuacións de equipamento axeitado, substituíndo e e combinando a iluminación xeral existente por iluminación técnica orientable cara as diferentes zonas de exposición.
Do mesmo xeito, instalarase un sistema de rieis profesionais (para aproximadamente 25 kg de carga por metro lineal) en color branco para que non destaquen e con cable de perlón (transparente) con zipper de 15-20 kg.
O espazo adicado para este fin expositivo será toda a galería cuberta da planta primeira que da ó patio e as propias paredes do patio de abaixo. Para elo, colocaranse os rieis necesarios e pintaranse as paredes de branco, vernizarase a carpintería de madeira que compón a galería do patio interior, que é dunha gran beleza, para dar unha maior luminosidade ao espazo.
Tamén se colocará na entrada ó patio interior dende a propia Oficina de Turismo un punto de información interactivo, onde se poderá colgar de xeito actualizado, toda aquela información turística de Monforte e a Ribeira Sacra, así como noticias sobre a celebración de eventos, exposicións, entre outros.
“Estou segura”, concluíu Gloria Prada, “que con estas dúas importantes actuacións incrementaremos o valor engadido destes dous espazos, a Torre da Homenaxe e o patio do Centro do Viño, que verán así potenciada a súa función expositiva e turística”.