Monforte de Lemos, 22 de outubro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar o decreto que autoriza á empresa Texlimca S.A. á instalación en vía pública e xestión de colectores destinados á recollida de roupa usada, calzado e restos de produtos téxtiles, definidos na Lista Europea de Residuos (Orde MAM/304/2002, de 8 de febreiro).
Deste xeito, nos vindeiros días a empresa procederá á instalación de 12 colectores téxtiles en diferentes zonas estratéxicas da cidade “para dar así resposta á alta demanda que os monfortinos viñan facendo deste servizo”, sinala a Concelleira de Facenda e 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada.
A colocación dos colectores téxtiles levarase a cabo baixo a supervisión e indicacións da Concellería de Medio Ambiente e será nas seguintes ubicacións estratéxicas da cidade:
- Campo San Antonio.
- Rúa Chantada.
- Avenida de Galicia.
- Rúa Estrella.
- Paseo do Malecón.
- Praza da Estación.
- Paseo de Lugo.
- Estacionamento do Parque dos Condes.
- Rúa Ourense.
- Rúa Morín.
- Rúa Corredoira.
- A Florida.
O Equipo de Goberno, vista a necesidade de contar con máis puntos de recollida, decidiu ampliar o número de colectores de 10, que eran os que había antes do establecemento deste novo contrato de xestión, a 12 unidades. Os dous novos colectores que se incrementan son o da rúa Corredoira e un novo na Florida, que dende agora contará con dous.
Está previsto que a colocación dos colectores se inicie o vindeiro martes 27 de outubro.
Condicións do contrato
A empresa Texlimca, a través deste contrato, quedará suxeita ó seguinte réxime económico:
- Prezo anual po contenedor: 20€
- Canon anual (polas 12 unidades): 240,00 €
- Ademais a empresa deberá realizar campañas propias de sensibilización, valoradas en 1.060 €.
Tamén, Texlimca asumirá os gastos de conservación e mantemento, impostos, taxas e demais tributos, así como a responsabilidade derivada da utilización dos colectores.
O prazo desta autorización para a xestión dos colectores de roupa usada é dun ano prorrogable, por trimestres, ata outro ano. A subrogación deberá, en todo caso, ser autorizada polo Concello de Monforte.
Características dos colectores
Os colectores que instalará a empresa para a recollida de téxtiles usados son metálicos e están deseñados especificamente para a recollida téxtil, cun volume útil aproxomado de 2,7 m3. Son ademais colectores adaptados coa boca de entrada na parte posterior para facilitar o depósito da roupa ó cidadán, que poderá acceder ó colector dende a mesma beirarrúa para non ter que bordear o colector pola calzada.
En concreto, son colectores en ferro galvanizado inoxidable dunha sola lama e estrutura ignífuga, con medidas anti-valdálicas. A pintura exterior e os adhesivos de personalización, que incluirán o escudo do Concello de Monforte, están protexidos con barniz antigrafitti.
Mantemento e conservación
O mantemento dos colectores, así como da zona de uso público adxacente o colector, serán responsabilidade da empresa adxudicataria.
Os colectores deberán estar en perfecto estado de conservación estética, de seguridade e salubridade. Debendo estar pintados, cos peches e sistemas de seguridade actuando correctamente en todo momento.
O Concello non será responsable en ningún momento do uso ou mal uso que a cidadanía podan darlle os colectores, nin dos desperfectos que estes puideran sufrir por actos vandálicos, incendio u outros. A reparación de calquera desperfecto que se lle fixese a os colectores correrá a cargo desta empresa.
Finalmente, esta autorización de xestión poderá ser revocada unilateralmente polo Concello en calquera momento por razóns de interese público, sen ter que indemnizar por elo á empresa concesionaria do servizo.