Monforte de Lemos, 29 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ben de informar que as brigadas municipais do Concello iniciarán este luns 1 de xuño os traballos de limpeza e acondicionamento da lagoa do Parque dos Condes. Nesta labor de limpeza contarán co apoio da empresa Excavaciones y Transportes Ayán S.L.
A limpeza da lagoa do Parque dos Condes é levada a cabo, ano a ano, dende que José Tomé Roca chegou á Alcaldía de Monforte. Neste senso, este foi e é un dos seus compromisos para manter en bo estado esta zona da cidade. “A chegada de visitantes, co inicio dos meses de verán e a ubicación privilexiada da Lagoa, no centro da cidade e integrada nun dos parques máis utilizados polos monfortinos e monfortinas, fai máis que necesaria a súa limpeza, que dende o Concello levamos a cabo habitualmente por estas datas”, indica o rexedor municipal.
Deste xeito, o vindeiro luns día 1 de xuño dende o Concello procederase á sexta limpeza que se desenvolve na Lagoa dos Condes, dende a chegada ó goberno do equipo encabezado por Tomé Roca.
Do inicio destes traballos foilles comunicado por escrito á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, tal e como ven sendo habitual.
Traballos de limpeza
O primeiro dos pasos para a limpeza da Lagoa do Parque dos Condes, consistirá no baleirado da auga, baleirado que se levará a cabo utilizando unha máquina motobomba para extracción de líquidos.
Posteriormente, procederase a extraer cunha máquina paleadora todo o lodo que se foi depositando no fondo da lagoa durante este inverno.
Para desenvolver ditos traballos, empregase unha bomba cuxo aluguer ascende a 300 euros, mentres que o custe dos traballos da empresa contratada ascenden a 4.598 euros. O investimento total destinado ó acondicionamento deste espazo da cidade ascende así a practicamente 5.000 euros.
“A lagoa é un dos espazos máis emblemáticos da nosa cidade. Co Parque dos Condes ó seu redor trátase dunha das zonas que atrae un maior número de visitantes e tamén é un dos lugares máis frecuentados polos veciños e veciñas para dar paseos”, destaca o Alcalde.
O mandatario municipal engade que “por iso, consideramos que a limpeza e o mantemento da lagoa é unha tarefa imprescindible para poder dar unha boa imaxe, para que os monfortinos e monfortinas disfruten da mesma, e que esta zona sexa unha das nosas mellores cartas de presentación”.
Complementando os traballos de limpeza da lagoa, operarios municipais procederán tamén a desbrozar o entorno da mesma, “todo isto para que conseguir que esta zona da cidade presente unha imaxe o máis apropiada posible”, indica o mandatario local.