Monforte de Lemos, 3 de agosto de 2020. O Concello de Monforte segue a traballar para que a oferta deportiva e lúdica deste verán sexa o máis completa e variada para todos os nenos e nenas monfortinos.
Deste xeito, ademais do Campamento Deportivo de Verán, que deu comezo o pasado 13 de xullo e que actualmente desenvolve a súa segunda quenda de actividades entre o 27 de xullo e ata o 7 de agosto, no día de hoxe deu comezo a actividade do XIV Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo que conta cun total de 54 nenos e nenas participantes con idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos.
Así, os e as participantes levarán a cabo a actividade entre o luns 3 e o venres 7 de agosto no Campo Municipal de Fútbol Luis Bodegas entre as 10:00 e as 13:00 h.
Trátase dunha actividade tradicional dentro da programación deportiva de verán que organiza anualmente o Concello de Monforte, que este ano, e con motivo da crise sanitaria do COVID – 19, se realiza con menos prazas do habitual e cun protocolo especificamente deseñado para que todos os nenos e nenas participantes poidan desfrutar da actividade con total seguridade.
Máis actividades para finais do mes de agosto
Para a última semana do mes de agosto, o Concello monfortino informa de novas actividades deportivas dirixidas ós máis pequenos que se desenvolverán na cidade.
IX Campus de Baloncesto Cidade de Monforte
O Concello de Monforte organiza a novena edición do Campus de Baloncesto Cidade de Monforte que se celebrará entre o 24 e o 28 de agosto no Pavillóns dos Institutos Río Cabe e Daviña Rei en horario de 10:00 a 13:00 h.
Se ofertan un total de 36 prazas dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 14 anos. A actividade estará tutelada polo C.B. Val de Lemos.
Todas as persoas interesadas terán que facer a súa inscrición enviando por correo electrónico o modelo de solicitude cuberto e asinado ao enderezo deportes@concellodemonforte.com
O custe da actividade é de 18,00 €. Aplicarase un 50 % de desconto por pertencer a familia numerosa. Unha vez tramitada a matrícula se enviará por correo electrónico a carta de pago para facer o ingreso da inscrición.
A actividade contará cun protocolo específico de prevención do COVID-19.
SOLICITUDE INSCRICIÓN CAMPUS BALONCESTO 2020
VII Campus de Voleibol Ribeira Sacra
O Club de Voleibol Ribeira Sacra organiza a sétima edición do Campus de Voleibol que se celebrará entre o 24 e o 28 de agosto no Pavillón Municipal da Pinguela en horario de 10:00 a 13:30 horas.
A actividade está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 7 e os 16 anos.
Todas as persoas interesadas en participar poderán facer a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico info@cvribeirasacra.es ou a través da páxina web www.cvribeirasacra.es
Para máis información pódese chamar ou enviar whatsapp ao teléfono 626672435.
Campus de Ximnasia Rítmica Club Kendra
Finalmente, o Club Kendra organiza a primeira edición do Campus de Verán de Ximnasia Rítmica que se celebrará entre o 24 e o 29 de agosto no Pavillón do I.E.S. Pinguela en horario de 10:00 a 14:00 h.
A actividade está dirixida a nenos e nenas a partir dos 4 anos de idade.
Todas as persoas interesadas en participar poderán contactar co Club de Ximnasia Rítmica Kendra a través do enderezo de correo electrónico ritmicakendra@gmail.com ou a través das redes sociais do Club.
Deste xeito, dende o Concello de Monforte, en verbas do seu Alcalde, José Tomé Roca, “seguimos apostando por ofertar un calendario de actividades de verán o máis completo posible, para que as vacacións dos máis pequenos sexan o máis diversas e divertidas posibles, á vez que contribuímos a facilitar a conciliación familiar das familias, especialmente nestes tempos de crise que estamos a vivir derivada da pandemia do Coronavirus. E, en relación con esta, tamén establecemos protocolos de seguridade e hixiene para garantir a saúde dos participantes nestas actividades.”