Monforte de Lemos, 12 de abril de 2020. O Concello de Monforte informa a todos os veciños e veciñas da cidade que a festividade do Martes de Pascua, o vindeiro día 14 de abril, mantense como festivo local.
En canto á festividade relixiosa propia deste día, queda aprazada, dada a imposibilidade de celebrar este tipo de actos litúrxicos por mor do estado de alarma decretado ante a pandemia do COVID-19.
Neste senso, o Alcalde, José Tomé Roca, mantivo unha conversa co párroco Don Rafael, na que lle manifestou que o Concello ten a intención de celebrar un acto á Patroa, a Virxe de Montserrat, cando se supere o estado de alarma e se recupere unha certa normalidade que permita esta celebración.
Así, unha vez sexa posible a celebración de actos relixiosos, levarase a cabo unha misa na honra da Virxe de Montserrat e dita misa terá lugar un martes pola tarde, a fin de emular o tradicional Martes de Pascua.
Tras a celebración eucarística, procederase a celebrar unha procesión coa imaxe da Virxe polo atrio da Igrexa da Régoa, igrexa na que se mantén exposta mentres duren as obras de restauración que se están a levar a cabo na Igrexa de San Vicente. Da mesma forma, e como é tradición, neste acto o Alcalde da cidade renovará os votos coa Virxe e procederase á bendición dos campos. Finalmente, a imaxe volverá ó altar da Igrexa da Régoa.
“Dende o Equipo de Goberno do Concello temos a vontade de manter esta importante tradición dos monfortinos na honra á Patroa da Virxe de Montserrat. E deste xeito, aprazamos a celebración dos actos litúrxicos e procesionais, así como a renovación dos votos coa Virxe, ata o momento en que academos un mínimo de normalidade, unha vez vaia remitindo a crise do COVID-19 na que estamos inmersos”, indicou o Alcalde.
O párroco Don Rafael, logo de coñecer a proposta de aprazamento prantexada polo Alcalde, manifestou a súa total conformidade coa mesma, e ambos quedaron emprazados para volver a retomar este tema toda vez a situación de crise do coronavirus remita e sexa posible organizar a celebración das honras á Virxe de Montserrat.