Monforte de Lemos, 03 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Concello segue a manter activa a campaña posta en marcha a principios do mes de abril contra a violencia machista, ante a crisis do Covid-19, co obxectivo de lanzar unha mensaxe de apoio e de confianza ás mulleres que poidan estar sufrindo violencia de xénero durante o confinamiento.
Baixo o lema “Seguimos aquí, estamos contigo. A violencia machista parámola unidas”, o Concello de Monforte, en colaboración coa Unidade de Violencia de Xénero da Subdelegación do Goberno en Lugo, céntrase na necesidade de trasladar seguridade e confianza nos servizos especializados de atención e información para as vítimas, que foron reforzados durante este período de crise sanitaria.
“O obxectivo”, sinala o Alcalde “é transmitir ás mulleres vítimas de violencia machista, así como á súa contorna máis próxima, que os servizos de atención ás vítimas seguen funcionando; e que as mulleres poden saír á rúa nunha situación de urxencia, independentemente das fases de desescalada na que se atopen”.
Así, a través desta campaña, póñense en coñecemento da poboación as ferramentas e canles necesarias para denunciar unha situación de violencia machista.
O mandatario municipal salientou que “a través da Concellería de Muller e Igualdade do Concello e a través do Centro de Información á Muller (CIM), seguimos proporcionando toda a información e todo o apoio necesarios ás vítimas de violencia de xénero, a través dos servizos que poñemos á súa disposición dende o Concello, e que reforzamos ante este grave contexto derivado da crise sanitaria do Coronavirus.”
Neste senso, é necesario resaltar que existen teléfonos directos destinados ás vítimas de violencia machista que seguen funcionando con normalidade a pesar da crise do coronavirus:
- O 016, que non deixa pegada na factura.
- O 112, de emerxencias.
- Os 682916136 e 682508507, WhatsApp de apoio psicolóxico.
- E o 982416350, que é o teléfono do Centro de Información á Muller (CIM) de Monforte.