Monforte de Lemos, 1 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que na xornada de onte xoves 30 de abril concluíu o reparto das primeiras 70.000 mascarillas sanitarias entre os veciños e veciñas tanto da cidade como das 26 parroquias que pertencen ó municipio.
Este operativo de reparto deu comezo o pasado luns 30 de abril e foi desenvolto por 25 empregados públicos municipais, coordinados polo Equipo de Goberno e polo Servizo de Atención á Cidadanía do Concello. O reparto levouse a cabo por zonas estratéxicas da cidade, porta a porta, e seguindo criterios de proximidade zonal entre rúas e abarcando así de modo simultáneo todas as zonas da cidade así como as parroquias, coa finalidade de conseguir un reparto máis efectivo e rápido.
Neste senso, salientou Tomé Roca, “este primeiro reparto que finalmente conseguimos levar a cabo en 4 días, foi posible grazas ó enorme esforzo dos empregados municipais encargados do desenvolvemento deste operativo, así como pola colaboración dos veciños e veciñas da cidade, algo que dende o Concello queremos agradecer”.
Unha vez finalizado este primeiro reparto, o Alcalde informa que todos aqueles veciños e veciñas que non recibiran as súas correspondentes 3 mascarillas sanitarias, por non atoparse no seu domicilio no momento do reparto, poderán recollelas na Casa do Concello a partir do vindeiro luns día 4 de maio.
O horario para a recollida de mascarillas, que serán dispensadas na Casa Consistorial (Campo de San Antonio s/n), será, polas mañás de 9:00 a 14:00 horas, e polas tardes de 15:00 a 20:00 horas. Cada colectivo deberá acudir a esta recollida no Concello en función das franxas horarias de mobilidade que acaba de aprobar o Ministerio de Sanidade, e que todos debemos cumprir.
Neste senso, na recollida de mascarillas na Casa do Concello, non se vai permitir a concentración de persoas e deberase gardar a distancia de seguridade de 2 metros, co obxectivo de garantir a seguridade de toda a cidadanía.
Para levar a cabo este reparto, e dado que seguen vixentes as normas e medidas de seguridade decretadas polo estado de alarma ante esta crise do Coronavirus, o persoal encargado do subministro de mascarillas irá equipado cos elementos de protección (EPI´s) correspondentes para garantir a súa propia seguridade e a dos veciños que se acheguen a recollelas.
Logo do reparto destas primeiras 70.000 unidades de mascarillas sanitarias, o Concello de Monforte está pendente da chegada do pedido levado a cabo nos pasados días de 100.000 novas mascarillas sanitarias para adultos así como 15.000 mascarillas sanitarias infantís.
Unha vez sexa recepcionada esta nova partida de material de protección, dende o Concello informarase á cidadanía, tanto a través dos medios de comunicación como dende a web municipal e as súas redes sociais, da data de inicio e dos detalles do que será o segundo operativo de reparto de mascarillas sanitarias en Monforte.