Monforte de Lemos, 23 de abril de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, agradece publicamente os donativos de mascarillas feitos nos pasados días no Concello polas empresas Calzados Losal, que donou 600 unidades, e a empresa CURGAL, que aportou outras 500 mascarillas.
Do mesmo xeito, o Concello adquiriu a estas dúas empresas 5.000 unidades de mascarillas en cada caso, que contribúen a reforzar o pedido de total de 72.000 unidades previsto para repartir entre todos os monfortinos, un pedido ó que o Concello destinou un importe duns 55.000 euros provintes de fondos propios.
Tal e como se informou a semana pasada, unha vez recibida a totalidade das mascarillas, o Concello porá en marcha un sistema de reparto de 3 mascarillas por veciño censado en Monforte.
A mecánica do reparto será dada a coñecer publicamente para coñecemento de todos os veciños e veciñas de Monforte que estean censados no Padrón de habitantes, co obxectivo de evitar picarescas e para que todos teñan as mesmas oportunidades no reparto das citadas mascarillas, sendo deste xeito o Concello que máis elementos de protección entrega de xeito individual ós seus cidadáns.
Se fose necesario, o Concello tamén surtirá de mascarillas en caso necesario a empresas, asociacións ou sectores económicos que poidan ter necesidades puntuais para facilitar as súas actividades con normalidade, igual que fixo coas entregas que se viñeron facendo ata o de agora.
Con esta actuación o Concello pretende dar unha resposta global ó conxunto da cidadanía, do tecido asociativo e os sectores produtivos, para que a cidade de Monforte padeza o menos posible as consecuencias do coronavirus que tanto está afectando á saúde das persoas.