Monforte de Lemos, 1 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, convocou no día de hoxe unha rolda de prensa para dar a coñecer os detalles do que sen dúbida é, en verbas do mandatario municipal, “un proxecto moi importante que que eu como Alcalde comprometín cos veciños e coas veciñas de Monforte para que sexa realidade durante o actual mandato. Trátase da Ponte Nova do Malecón sobre o río Cabe de Monforte”. Na presentación deste importante proxecto para a cidade, estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde. Gloria Prada, e polo Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.
“É o meu desexo” continuou o Alcalde “que os veciños e veciñas de Monforte recuperemos parte da nosa historia cunha nova ponte ubicada no Malecón, semellante á antiga Ponte de Ferro que estaba situada no lugar que ocupa a actual ponte nova na Avenida de Galicia, unha ponte que caeu nos anos 50 do século XX”.
Precisamente esta é condición indispensable que deben cumprir todas aquelas persoas que queiran presentar os seus deseños para a Ponte nova, é dicir, que os deseños teñen que ser semellantes á antiga Ponte de Ferro de principios de século XX.
Todas aquelas persoas interesadas en presentar a súa idea para este proxecto, terán de prazo ata o 16 de xuño de 2020 ás 14 horas.
“Recuperar a nosa historia contribúe ó sentimento de orgullo dos monfortinos, recuperando infraestruturas emblemáticas do pasado e ó mesmo tempo melloramos as comunicacións interiores da cidade, facilitando as comunicacións entre veciños e tamén entre as distintas zonas de Monforte”, engadiu o mandatario municipal.
Características da Ponte Nova
Co fin de mellorar a conexión entre as dúas marxes do río Cabe, o Alcalde prantexou a execución dunha nova ponte metálica, de características similares á que existiu no seu momento.
Deste xeito, unha estrutura similar á da antiga ponte de ferro, sen apoios no río, volverá a ser unha realidade visible en Monforte, adaptada ás necesidades viarias actuais, con 2 carrís de 3,5 metros de ancho, un para cada sentido da circulación, e as beirarrúas de 2,5 metros de ancho cada unha para facilitar o paso dos peóns.
“Cando isto sexa realidade no horizonte de este mandato, a ponte vella ou Ponte Medieval, converterase en peonil, para conservar o monumento, para disfrute da xente e para contemplar placidamente a paisaxe río arriba e río abaixo sen o agobio dos coches” precisou Tomé Roca.
Asemade, proponse a conexión do Paseo do Malecón coa rúa Santa Clara á altura da Corredoira para darlle continuidade cara ó Hospital Comarcal o que supoñerá un novo acceso ó complexo sanitario, ocupando o espazo onde se ubica a Pasarela de madeira.
Concurso de ideas para a Ponte Nova
O Alcalde salientou na súa presentación que para a redacción do proxecto técnico dende o Concello vense de convocar o Concurso de ideas para a Ponte Nova, tendo como referencia básica a antiga Ponte de Ferro, que deberá ser semellante á que se derrubou nos anos 50 do pasado século. Todas aquelas persoas interesadas en presentar a súa idea para este proxecto, terán de prazo ata o 16 de xuño ás 14 horas.
“Non haberá premios en metálico”, especificou o Alcalde “o premio para a proposta gañadora será a redacción do proxecto construtivo e a dirección de obra durante a súa construción”.
O Xurado que fallará este concurso de ideas, estará presidido polo Alcalde, e formarán parte do mesmo, o Secretario do Concello, 2 enxeñeiros designados pola Universidade, 2 enxeñeiros designados polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos, e 2 enxeñeiros da Deputación Provincial de Lugo.
Na mañá de hoxe, o Alcalde asinou o decreto deste Concurso de Ideas e esta mesma tarde xa foi colgado tanto na páxina web do Concello como na Plataforma de Contratos do Estado do Ministerio de Hacienda, para que os interesados poidan participar en dito concurso.
“Proxectos coma este, marcan a historia das cidades, porque pasan a formar parte da súa estrutura urbana para sempre, ou polo menos para moitos anos. Con proxectos coma este, Monforte recupera a súa esencia e vai por bo camiño”, concluíu Tomé Roca.
Máis información aquí