O Alcalde presenta o Festival “Pórtico do Paraíso” que por primeira vez contará cun concerto en Monforte

Monforte de Lemos, 8 de xaneiro de 2020. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este mércores que este ano, por primeira vez, o Festival Internacional de Música Pórtico do Paraíso, un certame de  música sacra que se celebrará tamén na provincia de Lugo grazas á achega económica de 12.000 € que fará a institución provincial coa organización. Deste xeito, despois de 12 edicións celebrándose só en Ourense, nesta 13ª edición, este evento de primeiro nivel terá lugar tamén na provincia.

No acto de presentación desta colaboración, Tomé Roca compareceu xunto á Deputada de Réxime Interior e Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, a primeira tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada Rodríguez, o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, o presidente da Asociación Pórtico Musical e director artístico do festival, Juan José Enrique Miguéns, e a coordinadora do evento, Conchi da Silva.

“Dende a Deputación de Lugo decidimos colaborar con este festival pola súa idea de unir o mellor da música clásica e o mellor do patrimonio arquitectónico, e que mellor lugar para facelo que na Ribeira Sacra, o lugar de maior concentración do románico rural de Europa”, sinalou o Presidente e Alcalde da cidade.

Os dous concertos que se celebrarán na provincia de Lugo terán lugar no Saviñao e en Monforte de Lemos.

“O 7 de marzo teremos a ocasión de escoitar a arpa de Andrew Lawrence-King nunha das xoias do románico máis importantes que temos en Galicia, a  igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, que é tamén un dos principais monumentos de orixe medieval da Ribeira Sacra. Ademais, o venres 13 de marzo, o trío Kosmos Ensamble tocará na igrexa de Santa María da Régoa de Monforte, onde violín, viola e acordeón poñerán banda sonora a unha das pegadas románicas que temos na Ribeira Sacra”, adiantou o rexedor municipal.

A Escolanía de Segovia actuará o día 6 de marzo no Templo da Vera Cruz, no Carballiño; José Manuel Álvarez tocará o violín na Igrexa de Santo Anxo, en Ourense, o día 8 de marzo; e Víctor Villagandos dará un concerto no Liceo de Ourense o 15 de marzo.

As entradas dos concertos que se celebrarán en Monforte, O Saviñao ou O Carballiño serán gratuítas, mentres que as dos concertos que terán lugar na cidade de Ourense terán un custe de 10 euros.

Tamén terá lugar un curso de guitarra do 11 ó 13 de marzo, dirixido a alumnos de conservatorio de guitarra, que terá lugar no Conservatorio Profesional de Música de Ourense e que correrá a cargo de Víctor Villadangos.

O Presidente agarda que se dean as circunstancias para continuar con esta colaboración que se inicia este ano porque “esta iniciativa súmase ao noso obxectivo prioritario de impulsar o turismo, e con isto, a actividade económica, a través da promoción do noso patrimonio monumental e paisaxístico”.

   

Promoción do territorio

O Alcalde de Monforte e Presidente provincial adiantou que “esta é unha gran oportunidade para continuar apoiando a internacionalización da Ribeira Sacra e un paso máis na suma de esforzos para consolidar a súa candidatura como Patrimonio da Humanidade, que esperamos que sexa unha realidade no ano 2021”. Tomé Roca lembrou que foi a Deputación de Lugo a que iniciou no 2011 un movemento institucional e social en apoio da Ribeira Sacra para que sexa recoñecida pola UNESCO como ben mundial e que logo, un movemento ao que logo se sumaron outras institucións, como a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia.

Nesta idea incidiu a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo. “Oito anos despois seguimos traballando coas mesmas forzas para que este pequeno anaco de paraíso no interior de Galicia sexa declarado Patrimonio da Humanidade, e cremos que esta é unha boa forma de facelo”. García Porto subliñou que este Festival Internacional Pórtico do Paraíso é unha boa iniciativa para avanzar cara outros dos obxectivos prioritarios para a Deputación que pasan por “impulsar o turismo a través da promoción do territorio e achegar valor engadido ao Camiño de Inverno”.

Pola súa banda, o director do AGADIC, Jacobo Sutil, destacou o compromiso da súa institución con este festival dende o seu nacemento, e destacou a calidade do mesmo en canto a ás actuacións programadas e os enclaves escollidos para os concertos.

O director artístico do Festival, Juan José Enrique, agradeceu a inestimable colaboración das institucións implicadas na posta en marcha desta 13ª edición dun festival consolidado que por primeira vez sae da provincia de Ourense. Tamén destacou o prestixio e calidade internacional dos dous concertos que se celebrarán na provincia de Lugo e que solo foron posibles gracias á colaboración do ente provincial.

Dende mañá xa estará operativa a páxina web do festival: www.porticodoparaiso.com, onde se poderá consultar toda a información relativa ó mesmo.