Monforte de Lemos, 13 de maio de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou na mañá de hoxe foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases do Plan Reactiva Monforte, a que é, “a maior axuda económica que se fixo nunca dende o Concello, co obxectivo de impulsar a actividade económica dos nosos sectores produtivos e contribuír así a paliar os efectos do Covid-19”.
O Alcalde anunciou o pasado venres o Plan Reactiva Monforte, “una liña de axudas dotada de 1,4 millóns de euros provintes do actual orzamento municipal, para actuar de maneira inmediata ante as consecuencias derivadas da crise económica e social provocada polo COVID-19, e impulsar a actividade económica no termo municipal de Monforte de Lemos, a través de axudas a pequenas empresas, autónomos e traballadores por conta allea ou contratados temporalmente”.
Do mesmo xeito, esta liña de axudas contribúese a protexer o interese xeral dos veciños e veciñas de Monforte para minimizar o impacto da crise económica provocada polo COVID-19 e coadxuvar para que, unha vez finalizada a alarma sanitaria, o dano producido sexa o menor posible, actuando directamente sobre as persoas máis afectadas.
Prazos para a presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes para esta liña de axudas, unha vez publicadas hoxe no BOP, será dende mañá xoves día 14 de maio, ata o venres día 12 de xuño (30 días naturais dende o día seguinte á publicación no BOP), ambos incluídos.
Cabe destacar que de acordo co disposto na Disposición Adicional Terceira do Real Decreto Lei 463/2020, de 14 de marzo, dado que a finalidade das presentes axudas é a de paliar, na medida do posible, os efectos económicos que a crise sanitaria do COVID-19 produciu na actividade económica das empresas e traballadores no Concello de Monforte, e coa finalidade de evitar prexuízos graves nos intereses dos afectados, non será de aplicación a paralización dos prazos administrativos decretada a raíz da crise sanitaria do Covid-19, sempre e cando nas solicitudes das axudas os interesados no procedemento fagan constar a súa conformidade coa non suspensión de ditos prazos.
Os modelos de solicitude normalizados, así como as bases, nas que se recollen os requisitos necesarios para poder optar a tipo axudas, así como a documentación que é necesario presentar, están xa dispoñible na web municipal do Concello de Monforte, no seguinte enderezo directo:
http://www.monfortedelemos.es/gl/subvencions-gl
O modelo normalizado de solicitude oficial xunto con toda a documentación requirida para as axudas do Plan Reactiva Monforte, poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Monforte de Lemos ou a través da Sede Electrónica municipal de dito concello, dentro dos prazos establecidos. As solicitudes deberán dirixirse á Area de Promoción Económica-Desenvolvemento Local do Concello de Monforte.
O Concello establecerá un mínimo de 4 persoas coordinadas pola Tenente de Alcalde e Concelleira de Facenda, Gloria Prada, para tramitar as solicitudes que se produzan, tanto de empresas como de traballadores.
Contía das axudas
Son cinco as liñas de axudas enmarcadas na partida de 1.4 millóns de euros destinada polo Concello de Monforte para paliar os efectos do Coronavirus nos sectores económicos, empresariais e laborais da cidade.
En primeiro lugar, concederase unha contía fixa de 1.000 euros, ás pequenas empresas (autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia), que sexan titulares de establecementos abertos ó público antes do 14 de marzo, cando a actividade que viñesen desenvolvendo se tivese visto afectada polo peche de establecementos disposto no R.D. 465/2020 de 17 de marzo, que modificou o artigo 10 do R.D. 463/2020 de 14 de marzo.
En segundo lugar, concederase unha contía fixa de 200 euros ós traballadores autónomos que sen estar afectados polo peche de establecementos disposto no RD 465/2020 de 17 de marzo que modificou o artigo 10 do RD 463/2020 de 14 de marzo, se viran obrigados a cesar na súa actividade con posterioridade ao 15 de marzo de 2020 e por circunstancias relacionadas co Covid-19, sempre que tiveran solicitado e concedido a prestación por cese de actividade.
En terceiro lugar, concederase unha contía fixa de 200 euros ós traballadores por conta allea que se tiveran visto afectados por un expediente de regulación de emprego en calquera das súas modalidades, sempre que non se tivese chegado a acordo co empregador para completar o 100 % da base reguladora.
En cuarto lugar, outorgarase unha contía fixa de 200 euros ós traballadores por conta allea que tiveran sido obxecto de despido por parte do seu empregador por causas técnicas, organizativas ou da produción, excepcionándose os despidos disciplinarios, con posterioridade ao 15 de marzo de 2020.
E finalmente, en quinto lugar, concederase unha axuda de 200 euros ós traballadores contratados temporalmente cuxo contrato finalizase con posterioridade ó 15 de marzo de 2020, e non fose renovado pola falla de actividade da empresa debido a circunstancias relacionadas co Covid-19.