O Alcalde inaugura a nova iluminación do Paseo dos Loureiros

Monforte de Lemos, 8 de decembro de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Obras, José Luís Losada, e pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, inaugurou na tarde de onte a nova iluminación da senda peonil coñecida como Paseo dos Loureiros, e que se ubica na subida ó conxunto monumental de San Vicente.

En concreto, o Paseo dos Loureiros ten o seu inicio subindo pola rúa Real, á altura do restaurante o Grelo, e descende pola ladeira ata saír á rúa Doutor Casares, nas proximidades da rúa Costa da Pena e do instituto Daviña Rey, sendo unha senda con chan de lousa e que conta con treitos llanos e en escaleira.

Deste xeito, as obras de mellora consistiron na instalación de 17 novas luminarias de tecnoloxía LED, soportadas por 17 postes troncocónicos de 4 metros, e na renovación da totalidade do cableado eléctrico.

Esta actuación de mellora, supuxo unha inversión de 23.595 euros que contou co apoio da Deputación de Lugo, grazas o convenio asinado entre o seu Presidente, José Tomé Roca, e a 1ª Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, polo que o 86,7% do orzamento, 20.466,40 €, foi achegado polo ente provincial, mentres que o Concello de Monforte aportou 3.128,60, o 13,3%.

Neste senso, o Alcalde destacou que “o obxectivo que buscamos con estas nova actuación nas infraestruturas da cidade, neste caso no Paseo dos Loureiros, é mellorar significativamente o seu alumeado, nunha zona que posúe unha gran importancia, tanto a nivel turístico, pois ubícase no entorno monumental de San Vicente, como de ocio para os monfortinos, xa que se trata dunha senda peonil pola que se pode pasear ou facer deporte.”

Da mesma forma, o Alcalde recordou que na mesma liña “abordamos recentemente a mellora da rúa Costa da Pena, en concreto o seu pavimento en dous tramos concretos, na confluencia coa rúa Doutor Casares ata o atrio da igrexa da Régoa, mellora que contribúe, xunto con esta nova iluminación no Paseo dos Loureiros, á potenciación dunha zona ubicada en pleno casco histórico da cidade, proporcionando uns mellores servizos os seus veciños e veciñas, e tamén ás persoas que nos visitan”.

Para levar a cabo a mellora do alumeado do Paseo dos Loureiros, dado que os seu emprazamento sitúase no casco histórico da cidade, o Concello xestionou e obtivo os correspondentes permisos con Patrimonio.

 

Renovación de instalacións do alumeado da senda peonil “Paseo dos Loureiros”

O Paseo dos Loureiros ubícase no ascenso cara ó conxunto de San Vicente polo que se trata dunha zona moi céntrica e que ten un gran potencial turístico e de lecer. Trátase dun paseo  peonil formado con pavimento empedrado cunha anchura media de 3,80 metros.

Antes de acometer as actuacións de mellora referidas, que foron inauguras onte polo Alcalde, esta senda peonil contaba cunha iluminación a ras de chan composta por 31 luminarias de tipo baliza que se dispoñían ó longo do camiño de xeito unilateral e que proporcionaban unha iluminación rasante.

As luminarias estaban situadas entre si a unha distancia media de 8 metros e atopábanse nun estado de deterioro que facía que a iluminación da senda resultase insuficiente para transitar pola mesma nos momentos en que era necesario contar con iluminación artificial.

Neste senso, destacou o Alcalde monfortino “dende o Equipo de Goberno detectamos que debido a esta deficiente iluminación, a zona do Paseo dos Loureiros deixou de ser transitada a certas horas do día, motivo polo cal consideramos necesaria esta obra de mellora, para dotala dunha iluminación moderna e axeitada que permitira pasear pola mesma con todas as garantías”.

O proxecto de mellora lumínica ideado dende o Concello e que se desenvolveu nas pasadas semanas,  seguiu as directrices marcadas polo Regulamento de Eficiencia Enerxética, en concreto para vías de tipo ambiental, como é o caso desta senda peonil.

En concreto, o obxectivo que o Concello buscou con este proxecto de mellora foi dobre. Dunha banda, mellorar a eficiencia e o aforro enerxéticos, así como diminuír de maneira significativa  as emisións de gases de efecto invernadoiro. E doutra banda, limitar o resplandor luminoso nocturno, é dicir, a contaminación lumínica, así como reducir a chamada “ luz intrusa ou molesta”.

 

Descrición técnica do proxecto de mellora

A instalación coa que contaba antes desta actuación de mellora o Camiño dos Loureiros, estaba composta por 31 luminarias tipo baliza para iluminación rasante de 36 W de tipo fluorescente, dispostas de maneira unilateral ó longo do camiño, cunha distancia media entre eles de 8 metros, e sen dispoñer polo tanto de columnas soporte.

A obra de mellora consistiu na instalación de 17 novas luminarias con tecnoloxía LED de 23,8 W de potencia, modelo iTeka de IGUZZINI. Son luminarias de tipo ornamental e ambiental que substituíron ás de 36 W de tipo fluorescente, que proporcionan rendementos moi elevados (maiores do 70% e con baixo fluxo do hemisferio superior) así coma unha vida útil tamén moi elevada.

Do mesmo xeito, tamén se colocaron os soportes para estas novas luminarias, que son 17 postes trococónicos de 4 metros de altura, tratando de evitar o vandalismo. Estes postes están fabricados en aceiro EN 10025-S235JR galvanizado en quente de 70 micras de espesor, colocados sobre base de formigón de 0,5x0,5x0,7 m.

Tamén se procedeu a renovar por completo a totalidade do cableado eléctrico do sistema de iluminación desta senda peonil, para evitar cortes debidos á humidade.

O acendido e apagado da instalación levase a cabo mediante un programador astronómico, o cal permite a optimización do aforro enerxético.

E para limitar o resplandor luminoso e a contaminación lumínica, seleccionáronse luminarias cun FHSinst inferior ó 1%, moi por debaixo do límite marcado para este tipo de zona, que é do 5%.

“Con esta actuación”, concluíu o Alcalde, “agardamos que os veciños e veciñas de Monforte volvan a utilizar con maior asiduidade esta preciosa senda peonil, contando para elo cunha boa iluminación que permite transitala de día e de noite”.