O Alcalde de Monforte solicita que na nova desinfección da Unidade Militar de Emerxencias (UME) se inclúa o Poboado Xitano de “As Lamas” e a residencia “Abrente”- Prodeme

Monforte de Lemos, 6 de abril de 2020. O pasado mércores 1 de abril, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, púxose en contacto coa Subdelegada do Goberno de Lugo, Mª Isabel Rodríguez, para facerlle chegar unha petición formal solicitando unha nova intervención da Unidade Militar de Emerxencias (UME), co obxectivo de que dita unidade volvese a realizar labores de desinfección nos  principais lugares públicos de concentración de persoas da cidade, en especial, trala aparición dun novo positivo por coronavirus na residencia Geriatros, no Morín.

A esta petición, que xa está sendo xestionada dende a Subdelegación do Goberno, o Alcalde de Monforte enviou, onte domingo 5 de abril, unha nova solicitude para ampliar as accións de desinfección da UME na cidade.

En concreto, o Alcalde traslada na súa misiva á Subdelegada do Goberno, que “dende o Concello de Monforte estamos preocupados pola situación en xeral ante o Covid-19, pero especialmente polo que que puidera darse no Poboado Xitano ubicado na zona de As Lamas, xunto ó campo da feira, ó que se accede pola estrada de Monforte a Currelos”.

Do mesmo xeito, engade o rexedor municipal, “igualmente consideramos que sería prioritario realizar esas labores de desinfección na Residencia “Abrente” que atende a persoas con discapacidade, xestionada pola Asociación Prodeme, que está ubicada tamén na zona de “As Lamas”, próxima ao Poboado Xitano”.

Así, á petición dunha nova desinfección no Hospital Comarcal de Monforte, na Residencia Geriatros, na Casa do Concello de Monforte, no Asilo Fogar de San José, na Residencia pública da Xunta de Galicia, e na Residencia Asimédica, únense a residencia Abrente-Prodeme e o Poboado Xitano de As Lamas.

Efectivos da UME levaron a cabo en Monforte durante o pasado mes de marzo, dentro do operativo denominado Operación Balmis posto en marcha polo Ministerio de Defensa en coordinación coas Delegacións e Subdelegacións do Goberno de España para paliar os efectos do Covid-19, tarefas de desinfección e limpeza ante este virus, así como de vixilancia xunto cos Corpos e Forzas de Seguridade, Policía Nacional, Garda Civil e Policía Local.


Efectivos da UME desinfectando o mobiliario urbano do Campo de San Antonio o pasado mes de marzo

O obxectivo desta nova petición de intervención non é outro que volver a desinfectar zonas e lugares da cidade nos que se concentran persoas que forman parte de colectivos de especial risco ante este virus. En verbas do Alcalde, “é moi importante que estean desinfectadas zonas da cidade que supoñen un potencial perigo por seren entornos que reúnen un constante movemento de xente. O noso obxectivo é manter os lugares de máis presencia de persoas o máis asépticos posible. Por iso consideramos que ademais dos 6 centros desinfectados na anterior intervención da UME é necesario incluír o Poboado Xitano de As Lamas e a Residencia Abrente que xestiona a Asociación Prodeme.”

Tomé Roca concluíu salientando que “dende o Concello, a través da empresa FCC, que é encargada da recollida do lixo e da limpeza viaria da cidade, seguimos levando a cabo labores diarias de desinfección, prestando especial atención á desinfección de rúas, papeleiras, contedores, farolas, mobiliario urbano así como en espazos de uso público como poden ser os exteriores de farmacias, supermercados, panaderías ou a Praza de Abastos, a fin de evitar a propagación deste virus COVID-19”.