O Alcalde de Monforte informa das condicións de uso da Biblioteca e do Cemiterio municipais na Nova Normalidade ante o COVID-19

Monforte de Lemos, 18 de xuño de 2020. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar dous decretos onde se establecen as condicións de uso tanto da Biblioteca Municipal como do Cemiterio, de acordo cos criterios establecidos polas autoridades sanitarias, unha vez superada a Fase III do Plan para a Transición cara a unha Nova Normalidade.

Biblioteca Municipal

O pasado 25 de maio, mediante decreto de Alcaldía nº 742, establecíanse as normas relativas o uso da Biblioteca municipal, de acordo coas condicións determinadas pola Fase 2 da desescalada, recollidas na Orde SND/414/2020, de 16 de maio.

O pasado 13 de xuño, no DOG nº 115, publicouse a resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a Fase III do Plan para a Transición cara a unha Nova Normalidade.

En base a estas novas indicacións das autoridades sanitarias, mediante Decreto de Alcaldía, establecéronse para o funcionamento da Biblioteca Municipal de Monforte de cara á transición  á Nova Normalidade, as seguintes normas de uso:

  • A Biblioteca Municipal prestará os servizos para as actividades de préstamo e devolución de obras, lectura en sala, información bibliográfica e bibliotecaria, e préstamo interbibliotecario, así como o resto de actividades ordinarias propias do servizo bibliotecario, sen que na ocupación de salas podan superar o 75% sobre a súa capacidade ou capacidade máxima permitida. Este límite de ocupación será aplicable tamén á realización de actividades culturais nela.
  • Poderase facer uso dos medios tecnolóxicos da Biblioteca destinados para o uso público, así como de catálogos de acceso público en liña, catálogos en fichas da biblioteca ou publicacións electrónicas.
  • Deberán establecerse as medidas necesarias para manter a distancia de seguridade interpersoal nas súas instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física co uso de mascarilla.
  • Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, no caso de que no establecemento se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, a prestación deste axustarase ó previsto nas condicións para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración.
  •  

Cemiterio Municipal

No caso do Cemiterio Municipal de Monforte, tamén mediante decreto de Alcaldía nº 741, de 25 de maio, procedíase, dentro da Fase 2 da desescalada, á flexibilización de determinadas restricións, mediante as que se establecía un límite para os velorios de 25 persoas en espazos ao aire libre ou 15 persoas en espazos pechados, e un límite dun máximo de 25 persoas para a participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida.

Do mesmo xeito que no caso anterior, en virtude da resolución do 12 de xuño de 2020 publicada no DOG nº 115, dende Alcaldía do Concello de Monforte decretáronse as seguintes normas de uso en relación co desenvolvemento de velorios e enterros no Cemiterio Municipal, dentro da Nova Normalidade:

  • Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, debidamente habilitadas, cun límite máximo, en cada momento, de 60 persoas en espazos ó aire libre ou de 30 persoas en espazos pechados, sexan ou non conviventes.
  • A participación na comitiva para o enterramento ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de 75 persoas, entre familiares e achegados, ademais, de ser o caso, do ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.
  • Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións ou, na súa falta, a utilización de medidas alternativas de protección física con uso de mascarilla.
  • Ademais do cumprimento xeral das medidas de hixiene e prevención establecidas, no caso de que no local se preste algún tipo de servizo de hostalaría e restauración, a prestación deste axustarase ao previsto nas condicións para a prestación do servizo nos establecementos de hostalaría e restauración.